Besteiro amosa o seu apoio ao ensino público “contra unha reforma educativa profundamente ideolóxica” que conta “coa complicidade do presidente da Xunta”

Besteiro amosa o seu apoio ao ensino público “contra unha reforma educativa profundamente ideolóxica” que conta “coa complicidade do presidente da Xunta”

Besteiro amosa o seu apoio ao ensino público “contra unha reforma educativa profundamente ideolóxica” que conta “coa complicidade do presidente da Xunta”

O secretario xeral do PSdeG acudiu á manifestación desta mañá en Compostela e afirmou que “cómpre dicir moitas verdades” desde o Goberno galego sobre os recortes en Educación –máis de 400 millóns desde a chegada de Feijóo e 21 máis previstos en 2014- para garantir “a igualdade de oportunidades”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu esta mañá xunto con varios representantes e cargos socialistas á manifestación convocada en Santiago pola Plataforma en Defensa do Ensino Público, onde manifestou o seu apoio “contra unha reforma educativa que está profundamente ideoloxizada e é profundamente segregadora e privatizadora”, que ademais a dereita está a levar a cabo “coa complicidade do presidente da Xunta e do PP de Galicia”. O líder dos socialistas galegos destacou que “o PP foi quen de conseguir algo histórico”, que “hoxe toda a comunidade educativa estea unida en contra do seu proxecto de reforma” e “que todas as forzas políticas se comprometan contra esta lei no futuro”.

Gómez Besteiro afirmou que neste contexto “cómpre dicir ademais moitas verdades desde a Xunta”. Entre elas destacou que “o mundo da educación sofre unha merma de recursos de máis de 400 millóns de euros” desde a chegada de Feijóo, “e para este ano 2014 haberá outra baixada de 21 millóns de euros máis” prevista nos Orzamentos. Tamén apuntou que a pesar de que “hai máis de 17.000 alumnos máis” no ensino público obrigatorio”, cada vez hai “menos profesores e máis recortes en comedores e becas”. Mentres, “segue a haber un apoio de máis de tres millóns de euros para os colexios que segregan”, dixo. “Esa é a realidade que nos toca hoxe e é o que vimos combater, defendemos a igualdade de oportunidades, a educación pública na que os socialistas cremos e por iso estamos hoxe aquí, cos cidadáns e sobre todo en defensa dos servizos públicos básicos, que nos fan a todos máis iguales e que nos dan oportunidades para o futuro”, asegurou Besteiro.

“Galicia reacciona peor fronte ao paro que o resto de España”
O secretario xeral do PSdeG tamén respostou a preguntas dos xornalistas sobre os datos da EPA coñecidos hoxe, nos que ve “unha baixada en coherencia cun proceso puramente coxuntural” pero non unha mellora real en Galicia. “A min preocúpanme outros datos, como cal é a evolución durante o último ano, porque estamos con 13.100 parados máis que hai un ano, Feijóo incrementa a cifra de parados desde que el é presidente –nun 70%- e ademáis comportámonos diferente ao resto do Estado”, afirmou Gómez Besteiro. Nesta liña, o socialista apunta que Galicia “medra máis en parados” no último ano, “un 5%, mentres que o resto de España medra un 2%”, e engade que “a nosa poboación activa mengua e está cinco puntos por debaixo” do resto do Estado.

“Galicia non vai mellor, vai peor, e non somos capaces de xerar emprego, de aí que o PSdeG no último Debate da Autonomía centrara a súa oferta e o seu proxecto básicamente no emprego, algo que ao presidente da Xunta nin lle interesou nin lle ocupou case nin un minuto no Debate”, manifestou. “A evolución é mala e reaccionamos peor fronte ao paro que o resto de España. Iso é o que nos ten que preocupar, porque os datos son máis dramáticos se se analizan con perspectiva, que é como hai que analizar os datos do paro, máis aló da secuencia dun trimestre que coincide ademáis co verán”, destacou.

Reunión con Vence

José Ramón Gómez Besteiro anunciou tamén que nestes días continuará coa axenda de encontros cos representantes sociais e dos partidos políticos, e mañá terá unha reunión co voceiro nacional do BNG, Xavier Vence. Sobre a reunión con Feijóo o 15 de novembro, o socialista afirmou que ao encontró levará “os problemas de Galicia e como se solucionan, non os problemas particulares de cada un”.

“Ata o 15 de novembro vou encontrarme con moita máis xente, cos sindicatos, mañá estarei con Vence, o voceiro do BNG, e por tanto nesa construción da solucións dos problemas de Galicia é onde vai estar o PSdeG na reunión con Feijóo”, dixo.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar