Besteiro: "A herdanza de Feijóo xa é unha hipoteca económica e social para Galicia"

Besteiro: "A herdanza de Feijóo xa é unha hipoteca económica e social para Galicia"

O secretario xeral do PSdeG di que “o 24 de maio chegará a fin das maiorías absolutas con alcaldes do PP que baixaron a cabeza ante os recurtes, para dar paso a gobernos socialistas para a maioría”.

Na Conferencia Municipal do PSdeG, manifestou que “non se pode crer nin nos partidos persoa, nin nos partidos antipersoa, e Feijóo representa ao partido antipersoa por excelencia neste país”.

José Ramón Gómez Besteiro lamentou en Santiago que “a herdanza de Alberto Núñez Feijóo e do Partido Popular xa é una hipoteca económica e social para Galicia que durará moitos años”.

Na intervención que serviu para abrir a Conferencia Municipal do PSdeG, o líder dos socialistas galegos manifestou que “o 24 de maio chegará a fin das maiorías absolutas con alcaldes do Partido Popular, para dar paso a gobernos socialistas para a maioría”.

“Teño que dar as grazas a todos os alcaldes e candidatos socialistas por demostrar que en plena crise, que en pleno bombardeo de recortes da dereita se pode seguir facendo política social nos concellos”, manifestou Besteiro, “e por defender aos vosos veciños diante de alcaldes da dereita que tan só están dispostos a baixar a cabeza cando o seu partido ataca aos gobernos locais”.

O secretario xeral dos socialistas de Galicia lembrou que “o outro día Feijóo dicía que non cre nos partidos-persoa e poida que teña razón pero eu quero matizarlle unha cousa de forma importante: non se pode crer nin nos partidos persoa, nin nos partidos antipersoa, e Feijóo representa ao partido antipersoa por excelencia neste país que é o Partido Popular”.

“Debemos ter claro que a nosa forza radica en que somos un proxecto colectivo, o PSdeG-PSOE non é a aventura política dunha cúpula de persoas, somos a forza máis sólida, clara e próxima ao cidadán dende as primeiras municipais de 1979 e somos a primeira forza claramente recoñecible na defensa do municipalismo”, engadiu.

Boa xestión e transparencia
Gómez Besteiro aseverou que “os cidadáns esperan dos socialistas utilidade, boa xestión, cercanía e transparencia, pero sobre todo que a nosa xestión municipal sirva como primeira barreira de protección social ante as consecuencias das políticas do Partido Popular, que desgraciadamente todos coñecemos e sufrimos”.

“Nos concellos nos que gobernemos imos aprobar ordenanzas de transparencia e participación cidadá que promovan o aumento de información aos nosos veciños, o seu control sobre a actividade municipal, e un coñecemento completo das prestacións que un concello ofrece aos seus cidadáns”, dixo.

En opinión do líder do PSdeG, “os que gobernan para a dereita representan ao partido que esixe ao que cumpre e desculpa ao que defrauda, ser un defraudador co PP é rentable, mentres cuestionan e recurtan servizos básicos para os concellos”.

“Máis paro, menos ocupación e menos poboación activa, isto é para o que está utilizando Feijóo a súa maioría absoluta, é importante que desenmascaremos aos candidatos da dereita, lembrando a quen representan, pero sobre todo é importante que afrontemos esta cita con ganas, con forza e con optimismo”; rematou Besteiro.

Na sesión inaugural, participou tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que defendeu “o municipalismo como a política total, desde a cercanía á xente, xa que os nosos concellos son o noso compromiso e a nosa convicción fronte ao inmenso recortador que se chama Feijóo ou Rajoy”.

Pola súa parte, o candidato en Santiago, Paco Reyes, lamentou que “catro anos co PP só trouxeron gobernos absolutistas, sen recursos e investimentos nas ciudades para saír da crise económica, con promesas incumpridas como as estacións do AVE e outras infraestruturas estratéxicas”.

Foros de debate
Despois da inauguración, houbo dúas mesas de debate, unha sobre Concellos dinámicos, habitables e sostibles, moderada por Valentín González Formoso, alcalde de As Pontes, e coa participación de Alberto Varela (Vilagarcía de Arousa), Beatriz Sestayo (Ferrol), José Ángel Vázquez Barquero (Ourense), Tino Fernández (Pontevedra) e Ana Prieto (Lugo).

A segunda, sobre Os concellos ao servizo das persoas, foi moderada polo alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e contou coa participación de Pilar García Porto (Antas de Ulla), Mar Barcón (A Coruña), José Miñones (Ames), Francisco Fraga (Piñor) e Nicolás González (Lalín). A clausura contou coa intervención da secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, e Alfredo García, vicepresidente da Fegamp.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar