Barcón tilda ao conselleiro do Territorio "campión do partidismo" polo seu desprezo á Lei na aplicación da disciplina urbanística

Barcón tilda ao conselleiro do Territorio "campión do partidismo" polo seu desprezo á Lei na aplicación da disciplina urbanística

A portavoz de Ordenación Territorial e Política Local do Grupo Socialista, Mar Barcón, nomeou ao conselleiro de Territorio “campión do partidismo” polo seu “desprezo á Lei” na aplicación da disciplina urbanística. Así o dixo logo dun encontro co alcalde de A Guarda, que se enfronta ao derrubo de 12 vivendas construídas en base ao PXOM de 1997 e que situaría en “creba técnica” ao Concello polas indemnizacións de 7 millóns de euros.

A parlamentaria socialista dixo que o conselleiro Hernández destaca no “común denominador do sectarismo nas políticas da Xunta de Feijóo” que “manipulan a Lei e fan un uso espúreo do Goberno utilizando a administración en función dos intereses propios”. Barcón criticou así o “desprezo continuado do goberno de Feijóo pola Lei e a equidade no cumprimento da Lei”.

Así, citou o “reparto incomprensible do Plan Hurbe” ou a “aprobación dos PXOMs con distinta vara de medir entre Tui ou Viveiro”, que se suman á parcialidade nos centros de saúde ou o sectarismo no reparto de fondos do Plan de Cooperación Local”.

Sinalou que no caso da disciplina urbanística “só hai un elemento que vale para aplicar a Lei, e é si o concello é do PP ou non”, e denunciou que no caso de Barreiros ou Fisterra, cun alcalde imputado pola Operación Orquestra que non atende aos requirimentos da Xunta “a actitude do presidente da Xunta é dicir que ten arranxo e non van cumprir as sentenzas de demolición”.

Esixiu obxectividade e igualdade de trato en toda Galicia, xa que esta situación sitúa aos concellos e ás persoas nunha grave “inseguridade xurídica”. Barcón citou o caso do concello de A Guarda no que a pesares de que hai 15 vivendas construídas cos informes xurídicos favorables “o conselleiro Hernández demóstrase inflexible e determina que van cumprir coa Lei de inmediato”.

A responsable socialista amosouse sen embargo “tranquila” porque si o conselleiro asegurou nunha visita á candidata do PP á alcaldía que “solucionaría o problema”, iso significa, dixo, “que existe unha solución e non llela vai agochar a un alcalde socialista con maioría absoluta”.

Protección ás vítimas

Mar Barcón anunciou a presentación dunha iniciativa socialista para protexer aos particulares “vítimas destas situacións e que non cometeron infraccións legais” ao ter construídas as súas vivendas conforme á legalidade. Propuxo unha modificación lexislativa semellante á aplicada en Cantabria pola que, nos casos en que os particulares obraran de boa fe, os veciños percibirían a indemnización antes da demolición.

Tamén reclama a coordinación entre as distintas administracións implicadas para asumir estas indemnizacións, que en todo caso terían un prazo máximo para ser pagadas, ademais de protexer e facilitar o realoxo das persoas que percibiran indemnizacións insuficientes para acceder a unha nova vivenda.

Alcalde

O alcalde de A Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, esixiu “trato en pe de igualdade” e “tempo para buscar solucións que propicien o arranxo desta situación” na que hai 2 vivendas derrubadas e outras 13 pendentes de execución. Criticou o “trato absolutamente discriminatorio destes derrubamentos diante dos casos de Fisterra ou Barreiros nos que “anuncian que non van pedir a execución da sentenza e van buscar solucións”.

Advertiu que a execución dos derrubamentos suporía un montante de 7 millóns de euros en reclamacións patrimoniais, o que equivale a todo o orzamento do concello para un ano. Dixo que a Xunta “ten que correr con parte dos gastos” porque do contrario situaría ao concello en “quebra técnica” e sen plans de investimento para “10 ou 12 anos”.

O rexedor municipal explicou a situación na que os propietarios son “vítima das concesións irregulares” que se remontan ao ano 1997, no que se fixo unha modificación do PXOM conforme á que se concederon as licencias con informe favorable de Secretaría e arquitecto municipal. Logo dunha denuncia particular e dos recursos interpostos pola Xunta en 2002, en 2006 o TSXG anula as licencias concedidas polo Concello.

A situación chega a 2009, cando a APLU demoleu tres das vivendas, mentres outras 12, en distintas fases de edificación, e 3 delas habitadas, teñen sobre elas as ordes de demolición.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar