Axudas directas e reforma dos seguros para os viticultores afectados polas xeadas

Axudas directas e reforma dos seguros para os viticultores afectados polas xeadas

Axudas directas e reforma dos seguros para os viticultores afectados polas xeadas

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe axudas directas e a reforma dos seguros agrarios para apoiar ás explotacións agrarias afectadas polas xeadas do pasado mes. O responsable socialista mantivo hoxe un encontro co secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, quen presentou unha proposta ao Parlamento neste sentido.

O sindicato agrario anunciou que comezará coa recollida das 2.500 sinaturas necesarias para presentar unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular, que a continuación deberá ser respaldada por a lo menos un grupo parlamentario para o seu trámite. O portavoz socialista amosou o seu apoio a esta iniciativa que, dixo, “vai no sentido do noso traballo parlamentario nas últimas semanas”.

Fernández Leiceaga lembrou as súas recentes visitas á zona cero das xeadas, en Monterrei, onde se viron gravemente afectadas explotacións vitivinícolas, así como a produción de castaña e cereal de inverno. Considera por iso que a iniciativa é “absolutamente necesaria, sobre todo en Ourense e na Ribeira Sacra”.

Agora cumpre, dixo, que o presidente da Xunta, logo de “gabarse da que denominou como lexislatura do rural, vaia máis alá das palabras e demostre o seu apoio con recursos, accións e impulso”. Advertiu que os viticultores afectados por estes danos non están vendo precisamente o respaldo do goberno galego.

Os socialistas reivindicaron aumentar as axudas directas que a Xunta estase resistindo a ampliar, e perfeccionar instrumentos como os seguros agrarios, que se están demostrando ineficaces para apoiar aos afectados.

Unións Agrarias

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, criticou que o goberno galego comezara por negar os feitos ata que os seus propios técnicos peritaron uns danos superiores ao 84 por cento nas pólizas que deron parte. A partir de aí pasaron a alertar de que as axudas á uva son prohibidas pola UE, cando, explicou, “non se pode financiar o quilo de uva, pero si que se pode financiar por hectárea de viñedo”.

Lembrou que o propio goberno galego aprobou axudas á Ribeira Sacra o ano pasado, a Rioxa aprobou axudas polos danos ocasionados pola seca, e o leite tamén recibiu axudas no pasado sen que a UE abrira ningún expediente. Sinalou que “o que ten que demostrar a Xunta é que en realidade hai vontade política e económica”, nunha situación que “transcende a unha soa Consellería e debe ser asumida polo presidente da Xunta”.

Criticou que a actuación da Xunta se teña caracterizado pola “falla de resposta e decisións unilaterais que non dan solución e pretenden dar unha falsa aparencia de medidas”. Explicou que así que a rebaixa do IRPF é inútil para quen “non vai ingresar nada e polo tanto non lle vai dar a pagar”, ao tempo que abocan ás familias afectadas a pedir uns créditos bancarios que “non van obter porque non teñen ingresos”.

O sindicato reivindicou así axudas directas “que son posibles, son legais e tamén son necesarias”, a condonación das cotas da Seguridade Social e cambios no seguro agrario que supoña unha maior implicación do goberno galego. Puxo como exemplo que fronte aos 49.000 euros dispostos pola Xunta o ano pasado, “Valencia, que non ten tantos viticultores, destinou 24 millóns de euros”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar