"Avisos" a concellos do PP para copar as subvencións da Xunta

"Avisos" a concellos do PP para copar as subvencións da Xunta

“Avisos” a concellos do PP para copar as subvencións da Xunta

A portavoz de Facenda e Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, esixiulle hoxe ao conselleiro de Facenda que explicara “se os concellos do PP tiveron avisos” para conseguir as subvencións de mellora de infraestruturas e equipamentos. No debate dunha interpelación en Pleno anunciou a petición ao Consello de Contas para que fiscalice estas axudas que tardaron 12 minutos en pecharse por rematar o crédito.

Rodríguez Rumbo puxo o foco hoxe sobre a orde publicada por Ordenación do Territorio o pasado 25 de abril por un importe de preto de 4,4 millóns de euros en réxime de concorrencia non competitiva, polo que sería concedida por orde de chegada ata o remate do diñeiro. A orde foi publicada o 4 de maio, o prazo de presentación comezou ás 00.00 do 5 de maio e pechouse ás 00.12.18 dese mesmo día.

Acusou hoxe ao goberno galego de “facernos inxenuos” por “pretender que a xestión municipal ten mellorado tanto que nun só día teñen preparada a declaración responsable do conxunto das axudas, certificación da secretaría, memoria xustificativa, así como memoria explicativa, orzamento e planos nas solicitudes de obras e memoria explicativa e orzamento no caso das solicitudes para equipamento”.

A responsable socialista advirte que “cando menos soa un pouco estraño que determinados concellos tiveran toda a documentación lista”, o mesmo que sucedeu coas axudas do Plan Hurbe e a convocatoria de subvencións de Vicepresidencia de 2017 para xustificar o reparto “a dedo” beneficiando a concellos do PP.

Esixiulle ao conselleiro de Facenda que explique “as razóns de que en 12 minutos esgotaran unhas subvencións que deberan ser convocadas por concorrencia competitiva, cales son os concellos beneficiarios e que contía levaron e por que a uns os avisaron e a outros non”. Rodríguez Rumbo anunciou a solicitude ao Consello de Contas para que fiscalice estas axudas e determine a súa limpeza.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar