Ausencia de Feijóo na defensa dos intereses galegos en Bruxelas

Ausencia de Feijóo na defensa dos intereses galegos en Bruxelas

Ausencia de Feijóo na defensa dos intereses galegos en Bruxelas

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Asuntos Europeos, Noela Blanco, denunciou hoxe a “ausencia” de Feijóo na defensa dos intereses galegos en Bruxelas. A responsable socialista anunciou unha batería de iniciativas para reclamar a comparecencia da Xunta para render contas da súa política exterior.

Blanco sinalou que o “desleixo sen precedentes” do goberno galego tivo graves consecuencias para os sectores gandeiro e pesqueiro, abocados a unha das peores crises dos últimos anos. A Xunta, dixo, “nunca compareceu durante esta lexislatura para dar contas da súa acción exterior ou da xestión dos fondos comunitarios”.

Tamén se veu resentida a relación con Portugal, orfa dunha política de cooperación por parte do goberno galego, que esqueceu a complementariedade dos sistemas sanitarios da raia ou o elevado desemprego na zona transfronteiriza. A responsable socialista acusou a Feijóo de facerlle pagar a elección dun presidente socialista no país veciño aos galegos e galegas que conviven co Norte de Portugal.

O Goberno galego, dixo, está do mesmo xeito “ausente nun momento histórico tan importante como a apertura do diálogo con Cuba” mentres o resto dos países comunitarios está poñendo en marcha a súa diplomacia e Galicia está desaproveitando as súas tradicionais relacións e a condición de “ponte natural” entre a illa caribeña e o seu principal socio comercial en Europa.

Estratexia de Acción Exterior

A deputada socialista lamentou ademais a falla de concreción presentada polo goberno galego cando o pasado luns mantivo un encontro cos grupos parlamentarios para presentar un documento en resumo da súa Estratexia de Acción Exterior. A Xunta presentou, dixo, “unha síntese de 20 folios baleiros de contido” que será aprobada vía decreto do goberno nos próximos meses.

Lamentou que a Xunta pretenda “facer agora en escasos meses o que non fixeron en tres anos e medio” no que cualificou de “un acto máis da precampaña electoral do PP” logo dunha lexislatura na que “a Galicia non se lle escoitou nin en Europa nin no resto do mundo porque a acción exterior do goberno de Feijóo non tivo voz máis aló das nosas fronteiras”.

Augurou que o presidente da Xunta buscará agora converterse de novo nun presidente viaxeiro, “o Willy Fogg ao que nos ten afeitos cando se achegan as eleccións” e que evidencia a súa concepción da diásporra como “un saco de votos”.

Condena

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Asuntos Europeos transmitiu o seu pesar polos atentados rexistrados onte en Bruxelas, e trasladou “a nosa solidariedade co pobo belga e cos galegos e galegas que residen alí”.

Noela Blanco lembrou tamén aos “milleiros de refuxiados que están sendo estes días deportados a Turquía pola inxusta e insolidaria decisión do goberno dunha UE que abandonou os valores humanistas sobre os que se creou e asentou” a Eurozona.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar