Aulas Mentor para os profesores galegos

Aulas Mentor para os profesores galegos

Aulas Mentor para os profesores galegos

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, reclamoulle hoxe ao goberno galego que facilite o uso das 26 aulas mentor espalladas por toda Galicia para a formación de máis de 30.000 profesores e profesoras. Docasar presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación para impulsar este recurso formativo e para solicitar a ampliación do Bacharelato Internacional ás provincias de Lugo e Ourense.

Docasar considera “un auténtico desperdicio” o desinterese do goberno galego á hora de aproveitar esta formación a distancia, que imparte “156 cursos de bo nivel ao alcance de tódolos petos”. Reclamou facer “un traballo de filtrado” para determinar cales daqueles cursos son “susceptibles de ser recoñecidos a efectos de consolidación de sexenios para o profesorado ou mesmo para o concurso de méritos do profesional sanitario”.

O responsable socialista reclamou a posta a disposición deste recurso formativo aos 30.000 profesores e profesoras de Galicia. Lembrou que as aulas Mentor constitúen unha iniciativa de formación a distancia “esencialmente dirixida a persoas adultas”, promovida polo Ministerio de Educación “en colaboración coas comunidades autónomas, concellos e outras institucións nacionais e internacionais”.

Bacharelato Internacional

Vicente Docasar reclamoulle ademais ao goberno galego que amplíe a oferta educativa do coñecido como Bacharelato Internacional ás provincias de Lugo e Ourense. Sinalou que a día de hoxe só hai dous centros públicos e outros dous privados de Santiago e Vigo que imparten este tipo de ensino “percibido socialmente como un Bacharelato dalgún xeito elitista para alumnado brillante”.

Instou a “rematar co elitismo que arrastra esta modalidade formativa” e coa “discriminación histórica” do alumnado de Lugo e Ourense, habilitando esta formación para os estudantes e as familias da Galicia do interior. Instou a “abrir” ás catro provincias unha oferta educativa moi esixente e moi escasa, e que “os estudantes que o teñen cursado recoñecen que lles abriu moitas portas de futuro”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar