As subvencións da Xunta a centros educativos que segregan por sexo son "unha aberración ideolóxica ilegal"

As subvencións da Xunta a centros educativos que segregan por sexo son "unha aberración ideolóxica ilegal"

As subvencións da Xunta a centros educativos que segregan por sexo son "unha aberración ideolóxica ilegal"

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, dixo hoxe que as subvencións da Xunta a centros educativos que segregan por sexo constitúen “unha aberración ideolóxica” derivada da “irresponsabilidade” do goberno de Feijóo.

 

Docasar presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Educación que se celebrou hoxe no Parlamento para que a Xunta retire estas axudas “ilegais” por valor de 3 millóns de euros. O parlamentario socialista reclamou que os fondos sexan redirixidos aos comedores escolares, ás bolsas para os estudantes mais necesitados ou a frear a fuga de cerebros ao estranxeiro.

 

O parlamentario socialista puntualizou que “non estamos en contra de que as familias poidan optar por estes centros”, pero, dixo, “non poden ter subvencións públicas porque así o impide o artigo 84 da Lei Orgánica de Educación e unha sentenza do TSXG”. Por iso considera unha “anomalía” a decisión da Xunta de renovar os concertos con estes centros, como publicou o DOG o pasado 14 de agosto.

 

Sinalou que os cinco centros implicados teñen xa que logo dúas opcións alternativas, a integración de xéneros nas aulas e continuación do concerto, ou a renuncia a este para manter a segregación. Docasar explicou que “a decisión correspóndelle ao centro, pero a Consellería de Educación non pode ignorar a normativa actualmente existente e as sentenzas xudiciais”.

 

Opus Dei

 

Concluíu que “teñen a obriga de retirar as axudas que cinco centros vinculados ao Opus Dei están recibindo de maneira ilegal” e reclamoulle ao PP que “non sexan tozudos e retiren a subvención que veñen de outorgar a un pequeno e significativo grupo de centros privados que segregan ao seu alumnado por sexo, o que ten xerado unha forte controversia social”.

 

O responsable socialista denunciou que o PP “está a utilizar a crise económica para poñer en cuestión a viabilidade dos servizos públicos esenciais deste país para entregárllelos a bo prezo á empresa privada”.

 

Advertiu que as políticas de Feijóo supuxeron a diminución de preto de 400 millóns de euros no ensino en 5 anos, a supresión de prazas de profesores, o recorte drástico nos gastos de funcionamento dos centros e o repago masivo nos comedores escolares que se producirá co inicio curso.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar