Aprobada unha proposta socialista para que a Xunta faga cumprir coas visitas ao Pazo de Meirás en agosto

Aprobada unha proposta socialista para que a Xunta faga cumprir coas visitas ao Pazo de Meirás en agosto

A Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para que a Xunta faga cumprir a Lei á familia Franco e obrigue a abrir o Pazo de Meirás tamén durante o mes de agosto. A portavoz de Cultura, Concepción Burgo, lembra que o goberno galego “permitiu pechar” o inmoble nos períodos de vacacións desta familia.

Burgo lembra que o Pazo, declarado BIC en 2008, debe ser aberto ás visitas a lo menos un día á semana, malia os impedimentos postos pola familia Franco, o que provocou as queixas da oposición e do Concello e suscitou a apertura de dous expedientes por parte do goberno galego dos que “ata o día de hoxe non sabemos nada”.

A responsable socialista cualificou o acordo de “boa noticia para os dereitos dos cidadáns e para o Concello de Sada”, que dispón dun atractivo turístico importante. Lembrou que o goberno galego debe velar polo cumprimento da Lei, xa que ata o de agora “non é que ata o momento non houbera sancións, é que a Xunta permitía pechar”.

O goberno galego, puntualizou, “consentiu o incumprimento da Lei” por parte da familia do ditador, que “dixeron abertamente nos medios de comunicación” que “nunca quixeron abrir no mes de agosto” para non interromper o seu descanso estival, a pesares da obriga legal.

Concepción Burgo puxo en cuestión as ditas interrupcións, xa que logo da visita institucional da Comisión de Cultura ao pazo, orixinalmente de Emilia Pardo Bazán e posteriormente espoliado pola familia do ditador, “constatamos que as únicas estancias abertas ás visitas son o hall e dúas habitacións sen uso aparente na planta baixa”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

1. Poñer os medios necesarios para que a familia Franco cumpra a súa obriga legal, segundo o artigo 48 da Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, de abrir o Pazo de Meirás ao público polo menos durante catro días ao mes durante todo o ano, incluído o mes de agosto.
2. Adoptar as medidas necesarias, de acordo co previsto na Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia, relativas ao réxime de visita pública dos bens declarados de interese cultural e as posibles sancións polo seu incumprimento”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar