Aprobada unha proposta socialista para garantirlle o pago das pensións aos emigrantes galegos retornados de Venezuela

Aprobada unha proposta socialista para garantirlle o pago das pensións aos emigrantes galegos retornados de Venezuela

Aprobada unha proposta socialista para garantirlle o pago das pensións aos emigrantes galegos retornados de Venezuela

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo PSdeG para garantir o pagamento das pensións dos emigrantes galegos retornados de Venezuela. O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, reclamou unha “solución urxente” para garantir a protección dos galegos e galegas residentes naquel país.

Díaz Villoslada presentou unha proposta para resolver a difícil situación dos 3.500 pensionistas galegos retornados do país caribeño que teñen paralizadas as súas pensións en contra dos acordos bilaterais entre os dous estados. Ademais, explicou, ao figurar como beneficiarios destas axudas, tampouco poden aspirar a ningún tipo de renda social do goberno español e ven retirados os complementos de mínimos da Seguridade Social.

O responsable socialista presentou esta iniciativa para reclamar ademais que o goberno central se implique na busca dunha “solución urxente” para “garantir a protección da nosa emigración naquel país”, onde residen actualmente 45.000 galegos e galegas que asisten á difícil situación institucional.

Presentou esta proposta na liña das demandas de organismos como Amnistía Internacional, dirixida a garantir as liberdades democráticas naquel país, apostando pola vía do diálogo para “garantir as liberdades democráticas venezolanas”. A proposta socialista inclúe ademais “a liberación dos presos políticos, asegurar os necesarios procesos electorais transparentes e esixir o máximo respecto aos Dereitos humanos”.

Díaz Villoslada criticou a posición de En Marea e do BNG, que votaron en contra desta última proposta, demostrando, dixo, que “faltan argumentos para xustificar o inxustificable”. Recomendoulles que “lle digan isto á cara aos emigrantes galegos en Venezuela” e que “chamen a Amnistía Internacional” para opoñerse a estas propostas dirixidas a reparar a “ruptura da orde democrática” do país caribeño.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:

1º) Demandar do Goberno do Estado unha acción exterior firme, prioritaria e prudente co Goberno da República de Venezuela que, apostando polo diálogo, garanta as liberdades democráticas venezolanas, coa liberación dos presos políticos, asegure os necesarios procesos electorais transparentes e esixa o máximo respecto aos Dereitos Humanos.

2º) Demandar do Goberno central unha solución urxente con Venezuela, co fin de garantir a protección da nosa emigración naquel país, reforzando os contactos diplomáticos co Goberno da república Bolivariana de Venezuela e promova as accións legais que sexan oportunas en aras de facer cumprir o Convenio bilateral de Seguridade Social entre España e Venezuela, asinado o 12 de maio de 1988, establecendo os mecanismos precisos para que o Goberno de Venezuela garanta ao español o pago do importe íntegro das cantidades adebedadas e a continuidade das prestacións.

3º) Que se dirixa ao Goberno de España par que garanta aos pensionistas de Venezuela residentes en Galicia que cumpran os requisitos esixidos polas normas xerais españolas, o cobro da pensión que lle corresponda, por non ter efectividade os ingresos de Venezuela, de tal xeito que poidan percibir a prestación periódica que proceda en función da súa situación social segundo o previsto na nosa lexislación vixente, adiantándoa de xeito transitorio, sen carácter consolidable e con carácter reintegrable, ata que o Goberno de Venezuela volva regularizar o pago das súas pensións.

4º) Adoptar todas as medidas necesarias para atender ás necesidades máis urxentes dos emigrantes galegos máis afectados pola súa situación en Venezuela e polo non pagamento das súas pensións por parte do Goberno”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar