Aprobada unha proposta socialista contra as mafias okupas

Aprobada unha proposta socialista contra as mafias okupas

Aprobada unha proposta socialista contra as mafias okupas

A Comisión de Economía do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para demandar un Plan Especial de Seguridade contra as mafias que trafican con pisos baleiros. A responsable de Economía e Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, presentou esta proposta para protexer tanto aos propietarios coma aos inquilinos, persoas vulnerables enganadas polas mafias.

Rodríguez Rumbo advertiu que estas mafias aproveitan que en Galicia unha de cada tres vivendas permanecen desocupadas, para invadilas, engancharse á luz, cambiar a chave e alugárllela a familias en dificultades. Este fenómeno, dixo, é unha consecuencia das “políticas de austericidio do PP, que non serviron para paliar situacións de vulnerabilidade”.

Lembrou que en Galicia hai actualmente un paro do 17 por cento, hai en torno a 73.900 fogares con tódolos seus membros en paro, 36.800 carecen por completo de ingresos, 4 de cada 10 persoas non teñen capacidade económica para afrontar gastos imprevistos e un 16,95 por cento da poboación atópase en risco de pobreza.

A crise económica, unida ao desamparo institucional, dixo, “fai que emerxa a parte máis negativa dunha sociedade, a dunhas mafias que aproveitan a vulnerabilidade e a pobreza, e que foron proliferando á sombra da burbulla inmobiliaria”.

Por este motivo reclámalle á Xunta que se poña en contacto co goberno central para encetar un Plan Especial de Seguridade contra estas mafias, impulsando acordos cos concellos para “incorporar á Policía Local aos labores de vixilancia” en cooperación coa Garda Civil e a Policía Nacional”.

Persoas vulnerables

Os socialistas galegos queren defender o dereito á propiedade sen esquecer a situación das persoas en vulnerabilidade que utilizan estes inmobles e que “tamén son vítimas” das ditas mafias. Por este motivo, sinala, “deben atenderse en primeiro termo cando se trate de persoas vulnerables ás necesidades de quen as ocupa de maneira efectiva, así como a outras persoas directamente afectadas”.

A proposta inclúe impulsar unha reforma da Lei de Axuizamento Civil para que “sempre que se notifique unha resolución coa fixación de data para o lanzamento ou desafiuzamento de primeira vivenda, se dea obrigatoriamente traslado de dita resolución aos servizos sociais competentes”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para solicitarlle que:

1. Elabore un Plan Especial de Seguridade contra as mafias que trafican con pisos baleiros, impulsando neste marco acordos coas Corporacións Locais para incorporar a Policía Local aos labores de vixilancia, no ámbito das súas competencias e en cooperación coa Garda Civil e a Policía Nacional e o resto de forzas e corpos de Seguridade que exercen funcións de policía integral; mellorando os niveis de prevención, reforzando as labores de investigación e potenciando as labores de captación de información e de elaboración de intelixencia específica. Deben atenderse en primeiro termo cando se trate de persoas vulnerables ás necesidades de quen as ocupa de maneira efectiva, así como a outras persoas directamente afectadas.
2. Promova unha reforma da Lei de axuizamento civil e as reformas normativas precisas para esixir que, sempre que se notifique unha resolución coa fixación de data para o lanzamento ou desafiuzamento de primeira vivenda, se dea obrigatoriamente traslado de dita resolución aos servizos sociais por razón do territorio”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar