Aprobada unha proposta socialista contra a violencia no deporte

Aprobada unha proposta socialista contra a violencia no deporte

Aprobada unha proposta socialista contra a violencia no deporte

O Parlamento aprobou hoxe por unanimidade un acordo contra a violencia no deporte proposto a través dunha moción do Grupo Socialista. O parlamentario socialista Julio Torrado reclamou unha “atención específica” á violencia machista e racista dende un elemento de “enorme potencial socializador e valor formativo moi alto”, como é o deporte de base e profesional.

Torrado sinalou que o marco normativo actual resulta “necesario pero insuficiente”, así como os regulamentos sancionadores, e puxo de manifesto as eivas tanto de aspectos formativos como recursos para previr e frear condutas violentas no deporte. Sinaolou que de acordo coa Comisión Antiviolencia, Galicia é a terceira autonomía con encontros deportivos sancionados ou con incidencias.

Explicou que “existe unha situación latente na que existen condutas reprobables de violencia de xénero, homófoba e entre grupos que non afrontamos adecuadamente” xa que “hai máis casos dos 22 que foron denunciados en 2016 e rexistrados pola Comisión Antiviolencia”.

O responsable socialista saudou este acordo que permitirá “darlle a garantía completa á sociedade de que traballamos para que a través do deporte se ensine e contribúa a incorporar os valores necesarios” de convivencia pacífica.

A proposta aprobada hoxe solicita un “informe anual de datos” que permita realizar unha análise real, por canto “a maior parte das condutas violentas non se denuncian”. Propón ademais constituír un grupo de traballo coa participación de administracións, federacións, clubs, investigadores, formadores e outros axentes do eido deportivo que elabore un documento de traballo con propostas de actuacións.

Torrado solicita tamén diferenciar as condutas sancionables no deporte adulto, con sancións regulamentarias, e de base, con “medidas eminentemente formativas e exemplarizantes”. Ademais propón colaborar coas federacións na formación específica contra a violencia de técnicos, deportistas e axentes implicados.

Finalmente, demanda “promocionar con recursos destinados á Secretaría Xeral para o Deporte, a realización e participación en actividades que contribúan a fomentar a educación en valores a través do deporte”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

- “O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:

1. Elaborar, dende a Secretaría Xeral para o Deporte, un informe anual de datos sobre a situación e existencia de condutas violentas asociadas ao deporte en Galicia.
2. Constituír un grupo de traballo, coa participación das administracións, federacións, clubs, investigadores, formadores e outros axentes do eido deportivo, que elabore un documento de traballo a partir dunha análise dos datos ofrecidos no informe referido no punto anterior, e propoña as actuacións a levar a cabo.
3. Avanzar na diferenciación de condutas sancionables no deporte adulto, coa aplicación regulamentaria sancionadora, e no deporte de formación, con medidas eminentemente formativas e exemplarizantes.
4. Colaborar coas federacións na formación específica fronte á violencia a clubs, técnicos deportivos, deportistas e todos os axentes implicados no eido deportivo.
5. Promocionar, a través da dotación e recursos á Secretaría Xeral para o Deporte, a realización e participación en actividades que contribúan a fomentar a educación en valores a través do deporte.
6. Tomar en consideración como valor positivo engadido, a efectos das convocatorias públicas de axudas, e nas colaboracións directas que estime o goberno galego, as actividades participadas e/ou organizadas polos clubs e asociacións deportivas que teñan como obxectivo contribuír a unha cultura de tolerancia e igualdade a través do deporte.
7. Promover dende as institucións que os distintos axentes participantes no eido deportivo atendan, de maneira especial, ás posibles violencias producidas por motivos de racismo, machismo, e/ou ataques á identidade sexual das persoas”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar