Aprobada unha iniciativa socialista para reclamarlle ao Goberno que ceda a Galicia a recadación do imposto ás entidades bancarias

Aprobada unha iniciativa socialista para reclamarlle ao Goberno que ceda a Galicia a recadación do imposto ás entidades bancarias

Aprobada unha iniciativa socialista para reclamarlle ao Goberno que ceda a Galicia a recadación do imposto ás entidades bancarias

A Comisión de Economía do Parlamento aprobou unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para que a Xunta lle pida ao goberno central que ceda a Galicia e ao resto das comunidades autónomas o imposto estatal sobre os depósitos das entidades bancarias. Advertiu que “ten que ser a oposición a que lle diga ao goberno qué vías ten que aplicar para acadar financiamento”.

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, dixo que esta medida permitiría recadar en Galicia arredor de 50 millóns de euros para que a banca, “unha das grandes culpables da crise, contribúa a saír dela”. Explicou que o ministro de Facenda aplicou un tipo impositivo do 0,2 por cento logo de ter aprobado este imposto a un tipo do 0 por cento “para impedir que o fixeran as comunidades autónomas”.

O parlamentario socialista reprochoulle ao goberno galego que non tivera aplicado este imposto, tal e como reclamaban os socialistas galegos, antes de que o regulara o goberno central, e seguindo o exemplo de Canarias, Estremadura, Castela a Mancha e Andalucía. Lembrou que ao retirarlles este imposto ás catro comunidades autónomas, o goberno destinou parte do Fondo de Compensación Interterritorial a compensalas.

Deste xeito, dixo, o resultado de non ter atendido á proposta socialista é que Galicia deixou de percibir 50 millóns de euros e a continuación deixou de percibir a parte proporcional do FCI destinada a compensar ás catro comunidades autónomas.

Texto da iniciativa:

-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a que demande do Goberno do Estado que ceda o imposto estatal a entidades bancarias ás CC.AA.

Dita demanda farase no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira e, en última instancia, no ámbito da negociación do novo sistema de financiamento, e para que a cesión se produza no importe da recadación líquida que corresponda aos establecementos, xa sexan centrais ou sucursais, situados no territorio da respectiva Comunidade Autónoma”.

Caixa España

A Comisión de Economía do Parlamento aprobou tamén unha iniciativa socialista para que a Xunta faga as xestións necesarias diante do Goberno central para frear o despido dos 130 traballadores de Caixa España e o abandono de 7.000 empresas que financia a entidade logo de ter decidido o seu peche en Galicia.

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, considerou “inaudito” que a entidade decida pechar as 30 oficinas que ten en Galicia -16 na Coruña, 2 en Lugo, 3 en Ourense e 9 en Pontevedra- malia que o ano pasado tivo uns beneficios de 12 millóns de euros. O responsable socialista sinalou que o ERE afecta tan só ás oficinas en Galicia, mentres ao resto do Estado “non lles afecta”.

O responsable socialista dixo que esta decisión “deberá ser fiscalizada pola Xunta de Galicia” e dixo que “non se entende que o goberno galego non se opoña, que non tome cartas no asunto e lles diga aos directivos que isto non ten pés nin cabeza”. Subliñou que “o goberno galego non se pode inhibir” diante deste caso “insólito” de pechar unhas oficinas rendibles só no territorio galego.

Criticou que a entidade teña decidido abandonar Galicia, onde leva operando 30 anos, mentres mantén a súa presenza en outros territorios con menos antigüidade, aplicando as directrices comunitarias polas que as entidades nacionalizadas deben limitarse ao seu territorio e dez provincias mais. Reclamou que “non se descarte que a outro banco non lle interese integrar estas oficinas na súa rede salvando a estes 130 traballadores.

Explicou que o efecto do peche vai mais alá dos despedimentos directos, xa que as 30 oficinas abranguen ao 50 pro cento da poboación galega, con mais de 45.000 galegos atendidos directamente, mais de 10.000 asalariados e pensionistas e mantén créditos con 7.000 pemes e autónomos.

Dixo que o peche provocará a exclusión financeira de concellos que quedarán sen presenza física de entidades financeiras e provocará “problemas serios de financiamento” ás empresas coas que mantén o seu crédito e por extensión aos traballadores e os servizos que pola súa parte estas ofrecen.

Texto da iniciativa:

“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a facer xestións ante o Goberno de España para que esta decisión tomada para reestruturar o sector financeiro non teña graves consecuencias, tanto coa perda de 130 postos de traballo directos como no financiamento de 7.000 empresas que poden ver comprometida a súa continuidade por falta de financiamento o que provocaría mais perda de postos de traballo”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar