Aprobada unha iniciativa socialista para incorporar as "peculiaridades" do rural galego á regularización catastral

Aprobada unha iniciativa socialista para incorporar as "peculiaridades" do rural galego á regularización catastral

Aprobada unha iniciativa socialista para incorporar as “peculiaridades” do rural galego á regularización catastral

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamar unha moratoria na regularización catastral que permita incorporar as “peculiaridades” de Galicia. A proposta presentada polo portavoz de Agricultura, Pablo García, reclama “exencións máis amplas” aplicables a tódalas construcións nas explotacións agrarias e gandeiras.

A iniciativa aprobada hoxe incorpora a solicitude de modificación do Decreto incluíndo un coeficiente de depreciación funcional –entre o 0,2 e o 0,8- para as edificacións destinadas a usos agrarios “extensible aínda que estas estean sen uso por cese de dita actividade”.

García explicou que a revisión está a incluír no catastro construción ata agora exentas de IBI e que son necesarias para a actividade aínda que non sexan habitables e teñan un valor de mercado “nulo”, como é o caso de galpóns ou mesmo galiñeiros “que están a ser catalogados como almacéns ou vivendas”.

A través desta proposta, as novas valoracións deben recoller as características do rural, xa que “os metros cadrados non poden ser o único baremo para pagar impostos”. Os socialistas solicitan unha moratoria para valorar a “idiosincrasia” dos distintos concellos, así como exencións máis amplas das existentes e que os propietarios sexan exentos de multas por atrasos dos catro exercicios anteriores dos que non son responsables.

García advirte de “danos colaterais” á marxe de que os concellos teñen marxe para aplicar bonificacións de ata o 90 por cento e permita unha taxa de entre o 0,3 e o 0,9 por cento, deixando o impacto total dependendo da vontade de cada concello. Así, independentemente do albur de cada concello, os propietarios do rural si que se verán prexudicados en aspectos como na concesión de bolsas de estudos aos seus fillos.

A proposición non de Lei inclúe ademais “elaborar unha posición común, dentro do posible, de acordo cos concellos e no seno da Fegamp de cara a que este proceso se desenvolva de forma coordinada”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a

1. Solicitar unha moratoria do Ministerio de Facenda para que este proceso non se desenvolva sen ter suficientemente valoradas as peculiaridades e a idiosincrasia dos Concellos de Galicia. Que se modifique o Decreto 1020/93 no sentido de incluír un coeficiente de depreciación funcional (entre o 0,20 e o 0,80) para as edificacións destinadas a usos agrarios, extensible aínda que estas estean sen uso por cese de dita actividade.

2. Trasladar ao Ministerio de Facenda e ós Concellos a necesidade de que as explotacións agrarias e gandeiras galegas teñan exencións o máis amplas posibles na súa tributación. Do mesmo xeito que se aprobe unha bonificación potestativa no IBI do 95% para as construcións indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais.

3. A que se establezan fórmulas de colaboración a través da FEGAMP para prestarlles o asesoramento preciso aos Concellos de Galicia que o soliciten en relación as súas competencias normativas no IBI e as repercusión que estas poidan ter no seu ámbito financeiro e de equilibrio orzamentario.

4. A dirixirse ao Goberno Central que aprobe unha exención da taxa prevista no proceso de regularización catastral 2013-2016 a futuro e que devolva as xa ingresadas nos supostos que afecten ás construcións indispensable para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar