Aprobada unha iniciativa socialista para axilizar a arbitraxe e prestar asesoramento gratuíto aos afectados polas preferentes

Aprobada unha iniciativa socialista para axilizar a arbitraxe e prestar asesoramento gratuíto aos afectados polas preferentes

Aprobada unha iniciativa socialista para axilizar a arbitraxe e prestar asesoramento gratuíto aos afectados polas preferentes

A Comisión de Economía do Parlamento aprobou por unanimidade unha iniciativa socialista para que a Xunta reforce os medios do sistema de arbitraxe e preste asesoramento xurídico gratuíto aos estafados na fraude das preferentes. A parlamentaria socialista considera este acordo “un bo comezo”, pero instou a continuar no traballo por que “nin moito menos soluciona o problema”.

Gallego deu a benvida ao PP a este acordo co que, dixo, recoñece que “se pode dotar de mais medios á arbitraxe e se poden facer públicos os criterios de inclusión e exclusión na arbitraxe para garantir a transparencia”. Engadiu que “malia que procedimentalmente non se pode impugnar o decreto, si se lle pode esixir dende Galicia ao Goberno e á Comisión Europea que non apliquen as quitas aos aforradores”.

A parlamentaria socialista reclamoulle ao PP garantías do cumprimento deste acordo acadado hoxe no Parlamento e, dixo, “agardamos que non sirva só para xerarlle mais frustración aos afectados”. Lembrou así ao acordo acadado no Congreso de crear unha Comisión de Seguimento dos afectados en Bankia, que ven de ser situado “en vía morta” polo PP ao negarse á súa constitución dous meses despois.

Criticou que o goberno galego ten ralentizado o proceso de arbitraxe dende a celebración das eleccións, e apuntou que “mentres en campaña electoral se facían 300 arbitraxes cada día, agora hai moitos días en que non se fai unha soa”. Por este motivo solicitou mais medios humanos e materiais para permitir continuar co ritmo inicial do sistema de arbitraxe imposto polo Instituto Galego de Consumo.

Os socialistas galegos reclamaron hoxe a inclusión de mais árbitros e asesoramento xurídico gratuíto para as persoas afectadas na fraude das participacións preferentes e obrigas subordinadas. Ademais, advertiu que “segue faltando unha explicación dos perfiles das persoas afectadas polas preferentes” que evidencie que “na inmensa maioría dos casos trátase de aforradores e non se trata de grandes inversores”.

Finalmente, solicitou que a Xunta impugne o Decreto Lei de reestruturación do sistema financeiro que establece quitas para as persoas estafadas xa que, explicou, a orixe do problema radica nunha mala negociación desta norma “que non establece unha diferenza clara entre inversores e estafados”, prexudicando aos aforradores que puxeron o seu diñeiro neste produto sendo enganados polas entidades.

Comisión de Investigación

A parlamentaria socialista Carmen Gallego anunciou hoxe que os socialistas solicitarán a participación das plataformas de afectados pola fraude das preferentes na Comisión de Investigación sobre as caixas que foi constituída onte. Reclamou “que sexa canto antes” porque, afirmou, “a finais deste mes pode haber malas noticias para os estafados”.

A responsable socialista lembrou que o PP rexeitou a constitución dunha Comisión específica sobre esta fraude no Parlamento de Galicia, mentres desactiva a que foi acordada no Congreso para seguimento da situación en Bankia, e anunciou que os socialistas “vamos seguir insistindo” en “darlle voz aos afectados”.

Neste sentido, anunciou que a proposta de Plan de Traballo da Comisión de Investigación sobre as Caixas que será presentada polos socialistas galegos incluirá a comparecencia dos afectados. Dixo que “o problema pódese solventar con vontade política para facelo”, e advertiu que “a solución non pasa pola canxe das participacións por accións” xa que suporía deixar sen diñeiro aos estafados.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

O Parlamento de Galicia, co obxectivo de que todos os aforradores afectados por preferentes, subordinadas e outros híbridos financeiros recuperen a totalidade dos cartos, insta á Xunta de Galicia a:

1. Dotar dos medios humanos e materiais necesarios o sistema de arbitraxe establecido no Instituto Galego de Consumo co obxecto de axilizar os procedementos.

2. Que, dentro das súas competencias, faga públicos os criterios de inclusión e de exclusión na arbitraxe a fin de transparentar a súa concesión.

3. Prestar asesoramento xurídico a todas aquelas persoas que posúan participacións preferentes obrigas subordinadas que así o requiran, para poder demandar xudicialmente ás entidades financeiras.

4. solicitar da Comisión Europea da competencia e do Goberno de España que retiren a esixencia de quitas para as persoas afectadas por esta comercialización indebida.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar