Aprobada unha iniciativa socialista contra a Violencia de Xénero

Aprobada unha iniciativa socialista contra a Violencia de Xénero

Carmen AcuñaA portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, criticou a “indolencia e soberbia” amosada polo PP e o goberno galego diante do “terrorismo machista” que leva máis de 800 vítimas dende 2003 e “10 ou 11” dende o comezo do ano. Acuña censurou que o PP se amose “pouco cómodo” coas políticas de prevención da violencia de xénero “pois son moi machistas”.

Acuña presentou unha proposta para ampliar a Lei Integral contra a violencia de xénero e incrementar os recursos e servizos para combater e prever esta lacra, que foi aprobada por unanimidade no Pleno do Parlamento. A deputada socialista sinalou que “hai que cumprir o que se vota nesta Cámara” e puxo en cuestión a intención do PP de apoiar estas propostas “porque saben que non van gobernar”.

A deputada socialista trasladou as demandas do Consello de Europa e da Convención sobre a eliminación de tódalas formas de discriminación contra a muller –Cedaw-. Sinalou que os reparos destas institucións contra as medidas contra a violencia de xénero radican nos “recortes e retroceso sen precedentes en igualdade” adoptados polos gobernos do PP ao acubillo da crise económica.

Advertiu da “media macabra” de unha muller asasinada cada dous días, o que “no caso de ser vítimas dun virus ou terrorismo xa terían convocado un gabinete de crise e toda Europa estaría en estado de alarma”.

Carmen Acuña acusou ao goberno galego de adoptar unha actitude “intolerable e indignante actitude machista e caciquil” fronte a casos como o do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, denunciado por presuntamente ofrecer traballo a cambio de sexo, e da resposta de Feijóo, atacando á vítima.

A deputada socialista reclamou “redobrar o compromiso coas vítimas e tolerancia cero contra os maltratadores, e concienciar á sociedade galega contra o machismo”, mentres responsabilizou a Feijóo de desamparar a atender as demandas de emprego das 4 mariscadoras de Noia vítimas de violencia de xénero ás que lles negaron a reserva de praza no reparto dos Permex.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

1 O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:

a) Incrementar recursos e servizos, e a incrementar os orzamentos para combater e previr a Violencia de Xénero.

b) Reclamar que os concellos e entes locais recuperen expresamente as competencias en Igualdade e Violencia de Xénero, coa consecuente dotación orzamentaria suficiente, igual que o resto das administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias, co obxecto de aplicar na súa integridade e de forma eficaz tanto a Lei Orgánica 1/2004, de Medidas de protección integral contra a violencia de xénero como a Lei autonómica de 2007 contra a violencia de xénero.

c) Crear unha Unidade de coordinación contra a Violencia de Xénero especializada en Galicia.

d) Incorporar ao currículo a formación específica en Igualdade, educación afectivo – sexual e de prevención da violencia de xénero en todas as etapas educativas sobre as que Galicia teña competencias.

e) Cumprir e facer cumprir a Lei 11/2007 galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

f) Garantir que a condición económica das vítimas non lles impida denunciar unha agresión.

g) Garantir un asesoramento personalizado e gratuíto á vítima.

h) Garantir partidas económicas que fagan efectivas todas as medidas aprobadas por este Parlamento para erradicar a violencia machista.

i) Fornecer ao alumnado de contidos que fomenten o respecto e a igualdade entre sexos.

k) Acordar coa Fegamp cursos de formación para as traballadoras e traballadores da administración Local e da Policía Local (nomeadamente as que máis directamente teñen contacto con vítimas e vítimas potencias) sobre igualdade de xénero e violencia de xénero.

2 O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a que demande do Goberno do Estado que:

1. Repoña e dote suficientemente as partidas orzamentarias que se viñeron recortando nos últimos anos, especialmente os recursos destinados á prevención e á asistencia social das vítimas de violencia de xénero, dependentes tanto das comunidades autónomas, como dos servizos de proximidade dos concellos.

2. Estipule un fondo de apoio aos concellos para dar reforzo á rede de servizos públicos, impulsando o papel que desempeñan e deben seguir desempeñando os servizos sociais municipais e centros da Muller para o desenvolvemento e cumprimento da Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e a Lei Orgánica 8/2015, de 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia.

3. Poña en marcha, nos xulgados especializados en Violencia de Xénero, do Acompañamento Xudicial Personalizado para facer accesible a información ás mulleres vítimas de violencia de xénero sobre o itinerario e procedemento máis seguro, no seu percorrido xudicial dende o momento no que poñen a denuncia ata o final do proceso.

4. Estableza protocolos de intervención específicos para a atención integral ás mulleres que retiraron a denuncia por violencia de xénero.

5. Active de forma permanente o Plan Nacional de sensibilización e prevención de xénero.

6. Poña en marcha un Plan integral para previr, protexer e reparar o dano a menores vítimas de violencia de xénero.

7. Estipule a obrigatoriedade de que tanto os maxistrados á fronte de órgano xurisdicional especializado como avogados, forenses e equipos psicosociais que interveñan nos xulgados especializados de violencia de xénero teñan certificado, previamente a ocupar o seu posto, unha formación específica na materia impartida por unha institución acreditada.

8. Amplíe as disposicións preventivas, procesuais, punitivas e protectoras da lei de 2004 para abarcar, coas adaptacións necesarias, todas as formas de violencia contra a muller, tal e como esixe a Recomendación Xeral nº 19 da CEDAW e o Convenio do Consello de Europa sobre Prevención e Loita contra a Violencia contra a Muller e a Violencia Doméstica (Convenio de Istambul), que España ratificou.

9. Proporcionar ás funcionarias e funcionarios do Estado (nomeadamente as que máis directamente teñen contacto coas vítimas e vítimas potenciais) competencias para unha avaliación positiva en formación específica sobre igualdade de xénero e violencia de xénero, así como en sensibilización sobre o tema.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar