Aprobada unha iniciativa socialista contra a violencia de xénero no rural

Aprobada unha iniciativa socialista contra a violencia de xénero no rural

Aprobada unha iniciativa socialista contra a violencia de xénero no rural

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que tome medidas específicas para prever e loitar contra a violencia de xénero que padecen as mulleres galegas que residen no rural.

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, esixiulle ao PP que “ademais de votar a favor, cumpran coa proposta” dirixida a organizar e coordinar “tódolos recursos” presentes no rural para a loita contra esta lacra.

Acuña lembrou as “condicións distintas” que viven estas mulleres, á marxe das campañas e recursos a disposición das vítimas nas cidades. Sinalou ás vítimas do “machismo institucional”, como as catro vítimas de Noia ás que a administración lles denegou o Permex para gañarse a vida mariscando, ou á muller de Ourense que vén de denunciar ao presidente da Deputación por ofrecerlle traballo a cambio de sexo.

A responsable socialista lamentou as eivas nos medios postos a disposición destas mulleres polo goberno galego que, ademais de destinar “cada vez menos recursos á prevención da violencia e á promoción da igualdade”, deixa a este colectivo á marxe das escasas axudas.

O 83 por cento do territorio de Galicia é rural, dixo, onde unha muller vítima de violencia ten “case imposible” denunciar vivindo rodeada e “controlada” polo entorno do maltratador, do que é moito mais dependente tanto a nivel económico como de mobilidade física.

Sen embargo, apuntou, no medio rural existe un tecido asociativo propio que pode ser utilizado na súa axuda, como as oficinas do sindicato agrario ou as asociacións de mulleres rurais, onde resulta mais doado buscar axuda que no cuartel da Garda Civil ou no Centro de Información ás Mulleres.

Por iso propón “que se organicen e coordinen tódolos recursos, así como as asociacións e entidades que habitualmente traballan no medio rural para poder utilizalos na loita contra a violencia de xénero”. Tamén reclama campañas de concienciación específicas para o medio rural, e incorporar as particularidades do rural para apoiar a estas vítimas, ademais de disgregar os datos rexistrados no medio rural a nivel estatístico.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia para que de forma inmediata:

1) Inicie unha campaña de concienciación contra a violencia de xénero dirixida ao medio rural e que incorpore, en todas as medidas de prevención da violencia e da promoción da igualdade, as peculiaridades dese medio para que a poboación do rural se vexa identificada con elas.

2) Que nos datos e estatísticas que analizan os casos de violencia de xénero se visibilice e se contabilice claramente os acaecidos no medio rural.

3) Que se organice e coordinen todos os recursos, así como as asociacións e entidades que habitualmente traballan no medio rural para poder utilizalos todos e cada un deles adecuadamente na loita contra a violencia de xénero.

4) Que organice, en colaboración cos e coas profesionais sanitarios, da educación, dos corpos e forzas de seguridade e dos axentes xudiciais, formación obrigatoria neste eido, computable coma formación continua.

5) Que avalíe anualmente, facéndoo coincidir co informe de aplicación da Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, o resultado das anteriores medidas adoptadas.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar