Aprobada unha iniciativa para restaurar Santa Eulalia de Bóveda

Aprobada unha iniciativa para restaurar Santa Eulalia de Bóveda

Aprobada unha iniciativa para restaurar Santa Eulalia de Bóveda

A Comisión de Cultura do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Dirección Xeral de Patrimonio que tome “de forma inmediata” medidas “urxentes” para resolver os problemas de abandono que están a poñer en perigo o monumento de Santa Eulalia de Bóveda.

A deputada luguesa Concepción Burgo levou ao Parlamento esta iniciativa para dar a voz de alarma sobre o estado dun dos elementos máis senlleiros do patrimonio cultural galego, un monumento único que padece un “lamentable abandono diante da pasividade do goberno galego”.

A proposta aprobada hoxe inclúe ademais pedirlle ao goberno galego que comece nun prazo de 6 meses un “plan conxunto e ambicioso de investigación, rehabilitación, conservación e posta en valor de Santa Eulalia de Bóveda e de todo o seu contorno”. Reclamou unha intervención urxente para paliar os danos ocasionados pola vexetación, as filtracións de auga e as humidades que están a facer estragos no conxunto.

Sinalou que “Santa Eulalia non pode continuar neste estado de abandono e desidia que está poñendo en perigo a mesma supervivencia do monumento”, mesmo rompendo as pinturas dos seus murais. Chamou tamén a “realizar novas investigacións que amplíen o noso coñecemento sobre este enclave arqueolóxico, artístico e histórico de tanta singularidade”.

Descuberto en 1926, o monumento padeceu varias intervencións pouco acertadas ata comezos dos anos 90, o último traballo de conservación tivo lugar nos anos 2006 e 2007 para protexer a cuberta, ordenado polo goberno presidido por Touriño. Dende entón “a dirección xeral de Patrimonio deixou de facer todo tipo de accións de conservación e mantemento a pesares de que o seu estado empeora co transcurso do tempo”.

O monumento, datado na época tardorromana, posúe un valor artístico “fundamental” debido á súa configuración arquitectónica e ás pinturas murais conservadas, unido ao enigma sobre a súa orixe e funcionalidade. A última tese apunta a que se trata dun monumento funerario dun seguidor de Dioniso, e anima a investigar o seu contorno para saber se formaba parte dunha vila ou dunha necrópole.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:

1. Iniciar de forma inmediata as accións máis urxentes que permitan solventar os problemas que se manifestan en Santa Eulalia de Bóveda.

2. Iniciar no prazo de 6 meses, un plan conxunto e ambicioso de investigación, rehabilitación, conservación e posta en valor de Santa Eulalia de Bóveda e de todo o seu contorno que se desenvolverá en función das condicións técnicas das pinturas”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar