Aprobada por unanimidade a proposta socialista para suprimir os aforamentos na reforma do Estatuto

Aprobada por unanimidade a proposta socialista para suprimir os aforamentos na reforma do Estatuto

Aprobada por unanimidade a proposta socialista para suprimir os aforamentos na reforma do Estatuto

O portavoz de Política Institucional do grupo socialista, Juan Díaz Villoslada, defendeu unha proposición non de lei no Parlamento para acordar a supresión do instituto de aforamento dos deputados e deputadas da Cámara galega, e que esta posición sexa trasladada á reforma do Estatuto de Autonomía. A proposta socialista foi aprobada por unanimidade. Villoslada considerou “reconfortante” a capacidade da Cámara autonómica de “tomar decisións propias para eliminar prerrogativas que entendemos caducadas” e defendeu a supresión do aforamento por ser “unha excepción ao principio de igualdade que resulta anacrónica”.

“É necesario avanzar na calidade democrática e na rexeneración da política, cunha cidadanía totalmente noqueada pola vaga de corrupción que nos asola e que ve aos seus representantes afsatados do interese xeral”, defendeu o deputado socialista para apostar pola reforma do artigo 11.3 do Estatuto de Autonomía. Este privilexio “absolutamente innecesario” contribúe “á desafección e a desconfianza cos mecanismos de loita contra a fraude e a corrupción”, que é a segunda preocupación da cidadanía tras o desemprego nas enquisas do CIS, destacou.

Villoslada lembrou que nin Francia, nin Alemaña nin Italia teñen establecido o aforamento ao nivel normativo de España, polo que “é necesario reforzar o estado democrático para estar á altura da contorna dos países europeos”, e advertiu de que “a confianza nos tribunais de todas as ordes debe comezar polos representantes da cidadanía”, que “non deixamos de ser servidores públicos e debemos ter igualdade plena á hora de someternos á xustiza”, afirmou.

Murcia e Rajoy

Na súa argumentación, Villoslada lembrou que “en Murcia, o PP tivo que acceder á presión para eliminar os aforamentos” tras os escándalos de corrupción do seu partido na comunidade. “Galicia non é menos que Murcia, e queremos que Galicia actúe de forma preventiva, e non a remolque de casos de corrupción” que poidan ocurrir, dixo, porque “cando actuamos como reacción, o debate queda minusvalorado”.

O socialista fixo referencia tamén ao auto do pasado 30 de maio da sección penal da Audiencia Nacional, no que se esixe ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que acuda a declarar de xeito presencial no marco da trama Gürtel, porque “non comparece como presidente senón como cidadán”, o que debe ser a normalidade democrática nun Estado de Dereito. Villoslada admitiu que “hai comportamentos desastrosos” como os da Fiscalía Anticorrupción que fan dubidar de que a independencia formal na separación de poderes sexa unha independencia real, e concluíu chamando a “extirpar o tumor da corrupción”, facendo referencia a unha viñeta de El Roto.

 

TEXTO FINAL APROBADO

1º)  O Parlamento de Galicia considera necesaria a supresión do instituto do aforamento das deputadas e deputados, preservando en todo momento que estas persoas non poidan ser perseguidas polas opinión ou votos emitidos no exercicio das súas funcións. Esta posición deberá ser incorporada ao conxunto de reformas do Estatuto de autonomía de Galicia que no seu momento se aborde.

 

2º) O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a trasladar esta posición aos grupos parlamentarios das Cortes Xerais para que calquera reforma do aforamento dos representantes nas cámaras lexislativas estatais e autonómicas sexa tratada tamén dentro dun acordo a nivel estatal.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar