Aprobada por unanimidade a petición á Xunta de garantir os postos de traballo de Cuca en Vilaxoán

Aprobada por unanimidade a petición á Xunta de garantir os postos de traballo de Cuca en Vilaxoán

Aprobada por unanimidade a petición á Xunta de garantir os postos de traballo de Cuca en Vilaxoán

O texto final, aprobado por unanimidade, recolle a iniciativa socialista defendida por José Ramón Val na Comisión de Pesca

Tamén esixen garantir a continuidade da imaxe e calidade da marca Cuca

Piden que se fagan valer as axudas que vinculen á empresa a manter a actual ubicación para impedir o traslado da factoría a O Grove

A Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia ven de aprobar de xeito unánime unha proposición non de lei pola que se insta ó Goberno galego a desenvolver cantas accións sexan necesarias preto da propiedade, para garantir todos os postos de traballo da factoría Conservas Cuca de Vilaxoán. O texto, froito do acordo dos grupos políticos en base ás iniciativas e emendas presentadas ao respecto, tamén esixe garantir a continuidade da imaxe e calidade da marca Cuca. Un terceiro punto pide que, de ter recibido a empresa axudas por parte da Xunta de Galicia, de algunha consellería ou organismo, que vinculen á empresa a permanecer na presente ubicación, se faga valer esta circunstancia para imposibilitar o traslado da factoría de Vilaxoán a O Grove, sempre que esta petición estea amparada polas normas que regulan a concesión das axudas.

O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, encargado de defender a iniciativa socialista para evitar o traslado e conseguinte peche da factoría de Cuca en Vilaxoán, recordou que isto suporía o traslado de 88 traballadores fixos e a previsible perda de 150 empregos temporais.

Considera “imprescindible” que o Goberno galego “asuma unha posición nidia de defensa do emprego no sector, de continuidade da explotación en Vilaxoán e no pulo da competitividade do sector”. Lamenta que ata o momento “ningún membro do Goberno atopou tempo para atender as lexítimas arelas dos traballadores” mentres “o tempo esgótase e a Xunta garda silencio”.

Lembrou que a Xunta, a través da Consellería do Medio Rural e Pesca, concedeulle á empresa axudas por importe de 400.000 euros, polo que a opinión da administración autonómica “importa como garante da correcta utilización das axudas públicas”. Os socialistas reclaman a continuidade dunha actividade “na que o prestixio da Comunidade está consolidado, e onde a competencia co sueste asiático só pode superarse con alto valor engadido”.

Esta é precisamente a especialidade da empresa “Cuca”, unha das 67 de Galicia, con mais de 75 anos de existencia, unha facturación anual de 40 millóns de euros e marcas recoñecidas e baseadas na elaboración artesanal dirixidas á gama “Premium”, con mais valor engadido. Sinalou Val que a empresa non tiña problemas de mercado, nin de carteira de clientes, nin de carácter económico.

A empresa galega foi adquirida en 2011 polo grupo vasco “Garavilla”, con plantas de produción no Grove, e que agora ven de comunicar a súa decisión de pechar a planta de Vilaxoán e trasladar a actividade ao Grove, o que afectaría ás persoas con contrato fixo e prescindiría dos eventuais. Esta decisión suporá que no concello de Vilagarcía “desaparecería unha das principais industrias cun elevado volume de emprego feminino”.

Os socialistas advirten que o sistema de produción do Grove está orientado a outros segmentos de mercado, de carácter mais industrial, e temen un inminente proceso de redución de emprego como xa ten ocorrido na factoría do Grove, onde os 600 traballadores que chegaron a traballar hoxe están reducidos a 200.

A iniciativa socialista integrada no acordo acadado cos demais grupos pretende defender unha empresa e un modelo de produción específico acorde coa posición de Galicia como líder na produción de conservas de pescados e de mariscos.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar