Aprobada a nosa proposta para impulsar o "co housing" ou vivendas compartidas para maiores

Aprobada a nosa proposta para impulsar o "co housing" ou vivendas compartidas para maiores

Aprobada a nosa proposta para impulsar o “co housing” ou vivendas compartidas para maiores

A Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para impulsar o co housing ou vivendas colectivas para maiores. A portavoz de Vivenda, María Pierres, defendeu esta proposta para impulsar en Galicia o modelo nórdico que defende un envellecemento activo máis saudable cun menor consumo de recursos socio – sanitarios.

Pierres reclamou traer a Galicia “modelos de innovación social” e instou a “deixar de facer políticas de reparación unha vez chegados os problemas” xa que, advertiu, España será en 2050 o país con maior porcentaxe de maiores do mundo, e Galicia, xunto con Asturias, será “a rexión máis envellecida do mundo”. Reclámalle así ao goberno galego que poña en marcha un Plan de fomento de novas solucións habitacionais para colectivos de maiores”.

Urxe adoptar dende xa, explicou, un modelo que naceu nos países escandinavos hai 3 décadas e que “mestura nun mesmo entorno residencial a dimensión privada, común e pública dos seus residentes a través dun acceso á vivenda non especulativo”. Nela “todos os membros do complexo residencial son socios dunha cooperativa que é propietaria das vivendas e cede aos residentes o uso de por vida”.

Subliñou a importancia de “fomentar non só edificacións e construcións, senón o impulso e fomento de creación desas comunidades e dos valores comúns que compartirían, e que son as que asegurarían o seu éxito”.

Baby - Boom

Trátase de impulsar un “envellecemento máis saudable e, polo tanto, cun menor consumo de recursos socio – sanitarios”, que garante á xeración do baby-boom un envellecemento con calidade de vida, activo, digno e consciente, centrado na autoxestión e lonxe de fórmulas tuteladas.

A responsable socialista explicou que estas solucións “dan resposta a unha demanda crecente da poboación, con independencia das idades, e soluciona o grave problema asistencial e de servizos” para as persoas maiores. Quere responder a unha “xente concienciada de que os traballos de coidado de maiores son insostibles nas familias e xeran formas de explotación que sofren especialmente as mulleres”.

Sinalou que hoxe o 39,6 por cento das mulleres maiores de 85 anos viven soas, fronte ao 25,9 por cento dos homes, derivado da maior lonxevidade delas, pero que reflicte o aumento de situacións de soidade non desexada que pode paliarse a través destas fórmulas.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a promover e impulsar medidas destinadas a establecer formas alternativas de vivenda para as persoas maiores (como o cohousing ou vivendas con equipamentos colectivos), nas que se fomente o envellecemento activo e se proporcione ás persoas maiores o pleno control sobre os espazos que habitan e o modo en que queren envellecer.

Entre estas medidas se contempla:

1. Poñer en marcha medidas de colaboración co sector privado que favorezan o acceso a solo público ou vivendas para rehabilitación a través da cesión de uso, dereito de superficie, compravenda con pago aprazado ou arrendamento.

2. Implantar programas de asesoramento e información para dar a coñecer estas novas fórmulas habitacionais.

3. Facilitar o acceso dos promotores deste tipo de vivendas colectivas ás axudas públicas”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar