Aprobada a nosa proposta para evitar que os consumidores paguen os impostos ambientais ás empresas

Aprobada a nosa proposta para evitar que os consumidores paguen os impostos ambientais ás empresas

Aprobada a nosa proposta para evitar que os consumidores paguen os impostos ambientais ás empresas

A Comisión de Industria do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha Proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que impida que os impostos ambientais teñan que ser pagados polos consumidores galegos. O portavoz de Industria, Abel Losada, criticou a obriga de que os consumidores teñan que pagar os tributos cobrados ao sector eléctrico polas comunidades autónomas.

O responsable socialista cualificou de “intolerable” que a normativa enerxética estatal contradiga o principio de que “quen contamina paga” para impoñer que “pague quen padece os efectos” da contaminación enerxética.

Aludiu así á sentenza do Tribunal Supremo que no pasado mes de marzo establecía un prazo de tres meses para que o Ministerio de Enerxía fixara a contía que deben devolver os consumidores das diferentes comunidades autónomas ás compañías eléctricas polos tributos autonómicos cobrados ao sector.

Lei empresarial

Abel Losada acusou hoxe ademais á Xunta de lexislar “fronte aos intereses xerais e ao lado dos intereses particulares” das empresas. Así o dixo no debate en Comisión do Proxecto de Lei de Fomento da Iniciativa Empresarial, que foi aprobada co voto en contra dos socialistas e que queda pendente do debate en Pleno.

Sinalou que a norma “non é imprescindible para nada máis que para as contas de resultados das empresas” e sinalou que se trata dunha “decisión premeditada e consciente de adelgazar a administración para xustificar a continuación a necesidade da desregulación”. Reivindicou un servizo público de inspección “forte” para “garantir que o impulso industrial respecte as garantías e dereitos laborais e medioambientais”.

Losada esixiu que “non nos conten historias, a realidade é que non hai apoio público claro ao fomento do chan industrial” con esta norma. Será, dixo, un instrumento errado para loitar coa oferta de chan industrial de Portugal, mentres o PP “a semana pasada votou en contra da proposta de Resolución socialista para impulsar un programa de apoio da mellora da innovación e da competitividade” presentada no debate do Estado da Autonomía.

Desmentiu que esta norma promova o emprego estable, a formación, ou serva para loitar contra a deslocalización industrial, cando “o único para o que serve é para obrigar aos concellos a pagar sen facilitarlles fondos”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a que se opoña con rotundidade a que os impostos ambientais establecidos pola propia Administración autonómica se inclúan nos suplementos territoriais e teñan polo tanto que ser abonados polas persoas consumidoras galegas”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar