Aprobada a nosa proposta para dotar de rigor á Lei de Estradas

Aprobada a nosa proposta para dotar de rigor á Lei de Estradas

Aprobada a nosa proposta para dotar de rigor á Lei de Estradas

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo Socialista dirixida a “dotar de rigor á Lei de Estradas de Galicia”. A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, explicou que o Regulamento de estradas da Xunta, que debera desenvolver a Lei, en realidade é contraditorio coa mesma, e ademais invade as competencias municipais.

Pierres advertiu neste sentido que o artigo 137 do Regulamento impide a segregación das parcelas que dando fronte a estradas autonómicas ou provinciais non poidan asegurar o seu acceso dende outra vía. Esta medida entra en conflito cos planeamentos municipais, rebaixando as cualificacións urbanísticas de moitas parcelas a día de hoxe edificables.

Sinalou que o Regulamento en realidade “fomenta a dispersión sobre a consolidación dos núcleos, en clara contradición cun desenvolvemento sostible e máis eficiente de vilas e núcleos de poboación”.

María Pierres advertiu que mentres o artigo 52 da Lei “fala de aplicar criterios para determinar o control dos accesos ás parcelas que dan fronte á rede provincial ou autonómica das estradas”, pero a continuación o artigo 137 do Regulamento antepón a titularidade da estrada a calquera outro criterio”.

Explicou que “os socialistas apuntamos a proceder á anulación do texto actual da regulación contida no artigo 137 do Regulamento xeral de estradas e a impulsar a súa modificación”. Defende que “a instancia dos Concellos ou interesados particulares se favoreza a emisión de informes por parte da Xunta que valoren a procedencia das segregacións de parcelas lindeiras con estradas autonómicas e provinciais”.

A deputada apuntou a que se debe dotar de rigor á Lei de estradas, que “no seu artigo 58 fai referencia a que a administración titular da rede poderá limitar e ordenar os accesos ás estradas aplicando criterios de intensidade de tráfico, seguridade viaria e explotación da estrada”.

Seguridade

A responsable socialista acusou ao PP de “lexislar para que os vehículos tomen o territorio”, e defendeu que o acaroamento maior ou menor entre vivendas non o ten que decidir a conselleira e, por suposto, tampouco un vehículo.

Pierres afirmou que os socialistas “somos os primeiros que apostamos pola seguridade viaria, pero non estamos dispostos que se empregue como escusa para amparar outras medidas que non están xustificadas como é impedir a segregación das parcelas”.

Acusou á Xunta de “aplicar unha tábula rasa pouco asimilada á realidade”, xa que “só así se explica que un veciño do rural galego onde non pasan máis de 100 vehículos ó día non pode segregar o seu terreo de 3000m2 por un criterio de seguridade viaria”.

Autonomía dos concellos

Por outra parte, defendeu a autonomía dos concellos e o papel dos plans de ordenación municipais. Dixo que “hai que lembrar que son aprobados pola propia Xunta, e con eles as súas normativas específicas coma fontes mínimos, retranqueos ou cesións” e manifestou que “son os propios concellos quen mellor coñecen as súas necesidades e en función dunha lei superior, como a Lei do solo, deseñan a súa planificación municipal”.

Para corroborar todo isto, a deputada socialista citou varias estradas afectadas polo devandito artigo 137, tales como “a EP-7102 ó seu paso por Serrapio-Portela, onde pasan 16 vehículos ó día”; e contrapoñéndoo á” PO-316 en O Grove, onde pasan 12000 ó día”. Desta maneira, Pierres sinalou que “son estradas moi diferentes e en absoluto poden ser similares”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a abordar, antes do fin de 2018, con representación de deputacións e concellos os criterios de aplicación do artigo 137 do Regulamento xeral de estradas de Galicia:

1. Estudar con técnicos da administración autonómica, provincial e municipal as consecuencias da aplicación do texto da regulación contida no artigo 137 do Regulamento Xeral de Estradas de Galicia.

2. Unha vez aprobada a nova Orde de Accesos e completado o marco normativo en materia de estradas, avaliar no seu conxunto, xunto con concellos e deputacións, este marco normativo e, en concreto, a aplicación do artigo 137 do regulamento, baseándose en criterios de seguridade viaria, intensidade de tráfico, funcionalidade e explotación das estradas.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar