Apostan por suprimir as deputacións e fortalecer os servizos como alternativa a medida de Rajoy de suprimir os concellos de menos de 5.000 habitantes

Apostan por suprimir as deputacións e fortalecer os servizos como alternativa a medida de Rajoy de suprimir os concellos de menos de 5.000 habitantes

Apostan por suprimir as deputacións e fortalecer os servizos como alternativa a medida de Rajoy de suprimir os concellos de menos de 5.000 habitantes

Pachi Vázquez, que mantivo unha xuntanza cos responsables de Política Municipal do PSdeG-PSOE, anunciou que pedirán unha Asemblea urxente da Fegamp para abordar o que pode ser “a puntilla ao mundo rural”

Considera a proposta do PP de eliminar concellos de menos de 5.000 hab. un diagnóstico equivocado, pois o 60% dos 28.000M€ de débeda procedente dos concellos pertence a grandes municipios

Os socialistas lamentan que os populares propoñan reducir concelleiros cando o 80% deles non cobran. Vázquez ofrece consenso para reducir gasto, pero non para reducir democracia

O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, ven de propoñer unha alternativa á proposta popular de reducir os concellos de menos de 5.000 habitantes e fortalecer as deputacións. “Os socialistas apostamos por suprimir as deputacións e fortalecer os servizos nos concellos”, argumenta o líder dos socialistas galegos.

Pachi Vázquez mantivo hoxe unha xuntanza de traballo cos responsables municipais do PSdeG-PSOE, secretarios de área da Executiva galega das provinciais e representantes na Fegamp para abordar a complicada situación dos municipios e analizar as medidas dos Gobernos de Rajoy e Feijoo que lles afectan.

Sobre a supresión de concelleiros que impulsan os populares, Pachi Vázquez apunta que “a máxima do Partido Socialista é apoiar a redución do gasto, pero non a redución da democracia”. Dos 4.500 concelleiros de Galicia, o 80% non cobra nada, polo que o dirixente socialista considera “inxusto” que os populares propoñan a redución dos membros das pequenas corporacións, porque “non se aforra reducindo aos que non cobran”. Vázquez puxo en valor o traballo de miles de mulleres e homes que traballan polo seu pobo desde as corporacións locais sen esperar unha recompensa económica.

Os socialistas queren levar estas cuestións a debate no seno do órgano municipalista galego. O máximo responsable do PSdeG-PSOE anunciou que o mércores próximo, 18 de xullo, os socialistas pedirán unha Asemblea urxente da Fegamp. Pretenden con isto evitar a “demonización” do municipalismo que está facendo o PP desde o Goberno do Estado e da Xunta. “É inxusto darlle a puntilla ao mundo rural”, afirma Pachi Vázquez, que propón o consenso en materia de redución de gasto, pero advirte que o PSdeG-PSOE nunca apoiará a redución da democracia participativa.

Galicia ten 34.000 núcleos de poboación, o 50% dos núcleos de toda España, e, polo tanto, “debe contarse con nós cando se artellen solucións en materia de política municipal”, e salienta Vázquez, deben terse en conta as “peculiaridades” de Galicia, a súa dispersión e o avellentamento da poboación.

Dos 800.000M€ de débeda, 28.000M€ pertence aos 8.000 concellos que hai en España. Pero o 60% desta débeda municipal corresponde a grandes concellos. Non son, pois, os pequenos concellos os maiores responsables da débeda. “Diagnóstico equivocado, tratamento equivocado, mal resultado”, recrimina Vázquez aos populares por pretender resolver a débeda a través da supresión de concellos e da representatividade local.

Recorda o Presidente do Grupo Socialista a Feijoo que os socialistas xa pediran hai un ano unha comisión de investigación parlamentaria para coñecer o funcionamento dos 430 “chiringuitos” que mantén a Administración autonómica coa local. Pero o Grupo Popular negouse. “Feijoo escapa”, acusa o líder dos socialistas galegos.

Pachi Vázquez propón rematar coas duplicidades, e propón unha política municipal máis eficaz, representativa e democrática. “Unha administración, un servizo”, así resume o dirixente socialista a necesidade de abordar a simplificación da administración e a supresión das competencias impropias, que agora asumen os concellos.

OS ÚNICOS ALIADOS DO MEDIO RURAL SON AS SÚAS CORPORACIÓNS

Para salientar o risco para o medio rural da iniciativa de redución de pequenos concellos dos populares Pachi Vázquez empregou un símil coa medicina. “Imaxinemos que por aforro decidísemos suprimir os médicos de cabeceira e mandáramos a todo á xente da provincia para o Hospital de Pontevedra”.

“Cando os cidadáns queiran resolver un problema relacionado cos asuntos sociais, coa auga, co lixo, mandámolo a falar a deputación de Ourense?”, pregunta retoricamente Pachi Vázquez

Os que están “hipotecando os contidos económicos son as deputacións”, basicamente, Pontevedra e Ourense. Porque son as que “están destinando os recursos dos pequenos municipios para políticas caciquís”.

VIAXE FEIJOO

Preguntado pola viaxe de Feijoo a Iberoamérica, Vázquez remitiuse á fotografía que hoxe ilustra a noticia da viaxe do Presidente galego nos medios, que considerou “patética”.

Pediu ao presidente que “deixe de rirse dos galegos” e recoñeza que non quere estar en Galicia cando as rúas están mobilizándose, que recoñeza que non ten solucións para este país e que recoñeza que vai buscando un puñado de votos.

O presidente e o Goberno “está desaparecido” e debera estar “dando a cara”. “Sei que é moi duro, pero ten que dar a cara”, sentenciou.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar