Apoio masivo para superar o "rigor mortis" social e económico que representa Feijóo

Apoio masivo para superar o "rigor mortis" social e económico que representa Feijóo

Apoio masivo para superar o “rigor mortis” social e económico que representa Feijóo

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, apelou hoxe ao apoio “masivo” da cidadanía, incluíndo “aos progresistas e tamén aos votantes do PP desencantados cos recortes” de Feijóo. Así o dixo antes dun encontro coa Coordinadora Galega de ONGDs para recoller propostas para o apartado de cooperación internacional do programa socialista.

O responsable socialista amosouse hoxe “esperanzado” diante das eleccións autonómicas e puntualizou que “o PSdeG nunca fallou” á hora de liderar unha alternativa cando houbo “posibilidades de cambio”. Os socialistas galegos, dixo, ofrecen a garantía dun goberno estable que encabece a modernización social que necesita Galicia logo de sete anos de goberno de Feijóo.

Un candidato do PP que, dixo, “é o líder do retroceso, da resignación e do rigor mortis social e económico”, con máis paro, menos emprego, a débeda pública subindo a cifras históricas, que supón 4.000 euros de débeda para cada galego.

Puxo como exemplo a “caixa finlandesa” o “regalo de benvida” que lle ofrece o PP a tódolos bebés galegos e que cualificou de “tomadura de pelo”. Explicou que o goberno galego “esqueceuse de engadir un papel coa factura de 4.000 euros de débeda” que lle concede o presidente galego a cada cidadán, así como os recortes en educación, política sanitaria e apoio ás familias.

Fernández Leiceaga urxiu a “cambiar o Plan Demográfico” de Feijóo, que supuxo pasar de preto de 24.000 nacementos en 2009 a apenas 19.000 hoxe, e o saldo de 15.000 inmigrantes que Galicia recibía en 2008 polos 2.000 emigrantes que expulsou en 2015. Reclamou un Plan Demográfico global que inclúa propostas laborais para mozos e parados de longa duración ou un Plan de Pobreza Infantil para as familias con menos recursos.

Os socialistas galegos garantirán, dixo, a accesibilidade ás escolas infantís de 0 a 3 anos para que “todos sexan capaces de acceder a uns servizos que permitan compatibilizar a vida laboral e familiar”. Incluirán unha serie de medidas laborais que pasan por fomentar o teletraballo, a flexibilidade horaria ou aumentar as prazas de gardería.

O candidato socialista apostou por unha Galicia “máis viva, máis vibrante e con máis futuro” a través dunha política integral de impulso da natalidade que recupere a inmigración. Subliñou que “queremos contrapoñer a Galicia da resignación e do retroceso de Feijóo cunha Galicia dinámica, de progreso e benestar”.

ONG

Fernández Leiceaga mantivo un encontro de traballo coa Coordinadora Galega de ONGDs co obxecto de recoller as súas propostas en materia de cooperación internacional para incluílas no programa socialista e superar os sete anos de goberno nos que Feijóo reduciu “ao mínimo” os recursos da Xunta destinados a este apartado.

Propuxo “reverter a situación” dramática do terceiro sector, lastrado pola falla de transparencia e baixo nivel de calidade provocado polo goberno galego, a través do impulso do Plan Director de Cooperación. O obxecto é dar resposta aos Compromisos do Milenio e ás novas demandas de axuda humanitaria derivadas da cidadanía global e do incremento de refuxiados en Europa provocado polos conflitos bélicos.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar