Apoio á Comisión de Investigación sobre os contratos de Villar Mir

Apoio á Comisión de Investigación sobre os contratos de Villar Mir

Apoio á Comisión de Investigación sobre os contratos de Villar Mir

O Grupo Socialista apoiou hoxe a petición de En Marea e BNG de constituír unha Comisión de Investigación sobre as relacións de Villar Mir coa administración, que finalmente foi vetada polo PP. O portavoz de Política Institucional, Juan Díaz Villoslada, explicou que “o noso grupo non se vai opoñer a esta Comisión”, pero tamén demandou “ser moito máis rigorosos” ao solicitar estes órganos.

Alertou do “risco de minusvalorar a función das Comisións de Investigación” ao propoñelas en base a “causas de carácter xeral”. Deste xeito sinalou que o empresario está investigado no caso Lezo, que analiza unha “trama de oligarquías político empresariais con interferencias da propia Fiscalía, unha tela de araña que enreda a cargos do PP”, pero que polo momento, advertiu, carece de derivadas en Galicia.

Apuntou tamén á actuación do empresario, titular de Ferroatlántica, na operación de segregación e posterior venda das centrais hidroeléctricas de Cee e Dumbría. Preguntou así “quén está realmente escribindo o guión desta segregación” dirixida a desafogar as débedas do Grupo empresarial logo de terse beneficiado de subvencións públicas e da declaración de utilidade pública dos terreos para esta explotación.

O Grupo Villar Mir, sinalou, “responde á radiografía completa da actividade dun grupo de presión, que é lexítimo pero debe estar ben controlado” e debe responder a un código ético regulado e que actúe con transparencia.

O parlamentario socialista advertiu que “se xorden irregularidades” da actuación deste grupo en Galicia “actuaremos en consecuencia”, pero lamentou a precipitación de presentar esta petición de investigación ante o “risco de restarlle valor parlamentario” ás Comisións de Investigación.

Responsabilidades políticas

Díaz Villoslada defendeu esta figura como mecanismo dirixido a poñer de manifesto actuacións irregularidades e promover reformas legais, e tamén como medio para esixir responsabilidades políticas, unha tarefa “realmente difícil que prospere” co actual reparto palamentario, con maioría do PP.

O responsable socialista sinalou que “necesitamos que as augas da xestión pública baixen o máis limpas posible para non seguir contaminando e que o mar da democracia non siga esmorecendo ao observar os comportamentos das oligarquías empresariais e políticas”.

Mesmo citou o informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, que evidencia que os tribunais españois procesaron a 1.378 persoas en 166 casos entre xullo de 2015 e setembro de 2016, e que se saldaron con 399 condenados por delitos de corrupción.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar