Apoio aos traballadores de Ferroatlántica

Apoio aos traballadores de Ferroatlántica

Apoio aos traballadores de Ferroatlántica

A deputada socialista da Costa da Morte, Loli Toja, trasladoulle hoxe aos traballadores de Ferroatlántica a iniciativa que levarán os socialistas galegos ao Pleno do Parlamento que comeza mañá para reclamarlle á Xunta que “adopte medidas legais” para evitar a segregación das centrais eléctricas de Ferroatlántica en Cee e Dumbría.

A deputada socialista visitou aos traballadores reunidos no Concello de Cee xunto cos alcaldes e cargos políticos e orgánicos do PSdeG-PSOE da comarca da Costa da Morte, que se achegaron para amosar o seu respaldo e demandar a intervención do Goberno galego.

Os socialistas galegos esíxenlle á Xunta que “abandone a súa defensa numantina dos intereses dun empresario amigo e comece dunha vez a defender os postos de traballo dos galegos e das galegas”. Lembran que a segregación das centrais pon en risco a viabilidade dos postos de traballo dunha empresa que pasou de ter 600 traballadores no momento da súa adquisición por Villar Mir aos 280 actuais.

Toja esixiu o compromiso da Xunta coa empresa para o mantemento da actividade e o emprego despois das inxentes axudas públicas que ten recibido por parte das diferentes administracións, entre elas a ampliación do porto de Brens que se fixo basicamente para darlle servizo.

Considera “incomprensible” que o goberno galego queira “desentenderse do problema ofrecendo brindes ao sol” cando se trata dunha empresa que supón o 25 por cento do PIB da comarca, e a venda das centrais ligadas á súa produción provocaría un “problema económico de viabilidade para as factorías”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar