Apoiaremos reclamacións na Fiscalía e na Valedora do Pobo pola cirurxía pediátrica 24 horas no CHUOU

Apoiaremos reclamacións na Fiscalía e na Valedora do Pobo pola cirurxía pediátrica 24 horas no CHUOU

Apoiaremos reclamacións na Fiscalía e na Valedora do Pobo pola cirurxía pediátrica 24 horas no CHUOU

A deputada ourensá Noela Blanco preguntoulle ao conselleiro de Sanidade no Pleno polas previsións da Xunta para que o CHUOU volva ter un servizo de cirurxía pediátrica 24 horas ao día durante todo o ano. Despois de que o PP rexeitase hai unha iniciativa socialista neste sentido no Parlamento, votou a favor desta medida no Concello de Ourense, o que é “unha nova fraude á cidadanía” xa que “o alcalde de Ourense formaba parte do goberno da Xunta que eliminou” este servizo. “Estanse a rir da cidadanía, ultraxando as institucións e tomando o pelo aos ourensáns”, criticou Blanco, que lembrou que os nenos e nenas de Ourense “non son números, son persoas”.

 

A socialista anunciou que levarán esta reclamación ata a Fiscalía e a Valedora do Pobo xunto coa Plataforma pola Sanidade Pública ante a falta de resposta do goberno galego. Blanco lembrou que ata setembro de 2013 había tres cirurxiáns pediátricos para unha poboación de 30.000 nenos e nenas, e a partir dese momento, tras unha xubilación e un traslado, quedou un para toda a poboación. “Agora os menores de Ourense que enferman e teñen que operarse fóra do horario que considera a Xunta, de luns a venres pola mañá, teñen que desprazarse ata Vigo”, denunciou. “Onde había un servizo, a Xunta creou un feixe de problemas”, dixo.

 

Blanco afirmou que os nenos e nenas ourensáns xogan “en terceira rexional” con respecto aos da Coruña, por exemplo, que contan cun cirurxián cada 4.000 menores, e acusou á Xunta de castigar a Ourense e “poñela contra a parede” por ter un problema demográfico, en lugar de potenciar os servizos para fixar poboación. Tamén lle reprochou ao conselleiro que desprezase a súa referencia á necesidade de conciliar. “É preocupante escoitar ao conselleiro botar de lado o problema da conciliación. Cando menos disimule un pouco”, replicoulle. A deputada destacou que hai pais e nais que deben percorrer case 200 quilómetros e facer fronte aos custos económicos do desprazamento, e que hai case 100 nenos e nenas da provincia esperando unha operación polo “desleixo” da Xunta.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar