Apagón orzamentario na comarca de Ulla - Umia

Apagón orzamentario na comarca de Ulla – Umia

O parlamentario socialista Pablo García denunciou hoxe que o goberno de Feijóo leva “catro anos consecutivos sen investir un só euro na comarca de Ulla – Umia”. García mantivo un encontro en Caldas de Reis xunto co alcalde da localidade, o socialista José Manuel Rey, e os portavoces de Barro, Pontecesures, Moraña e Cuntis para avaliar o “apagón orzamentario” da comarca nas contas da Xunta para 2016.

O responsable socialista sinalou que os orzamentos para o próximo ano “lamentablemente seguirán a mesma liña de investimento cero que levamos padecendo tódolos cidadáns da comarca nos últimos catro anos”. Criticou o “desinterese manifesto” do presidente da Xunta por esta zona, unha das grandes esquecidas nos seus orzamentos, e que “tampouco executou ningunha partida nos escasos anos en que tivo a ben incluílas”.

O deputado socialista acadou o compromiso de incluír a “débeda histórica” do goberno galego coas localidades da comarca en forma dunha “ofensiva de emendas aos orzamentos” incluíndo as principais demandas na tramitación parlamentaria que acaba de comezar.

Así, os socialistas reclaman o Centro Médico, a Edar e as actuacións de saneamento do Río Umia no Concello de Caldas, así como o Centro de Saúde e a mellora da seguridade na estrada PO – 531 no Concello de Barro. As actuacións que reclamarán para Pontecesures consisten no saneamento integral do concello e a dotación de beirarrúas na estrada a Vilagarcía.

Finalmente, incluirán a segunda fase da estrada Porráns – Cuntis ao seu paso polo concello de Moraña e a ampliación do Polígono Industrial de Cuntis, unha actuación fundamental para dinamizar a actividade económica e o emprego na comarca.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar