Ao ritmo actual, a Xunta tardará 25 anos en cubrir a demanda de prazas públicas en educación infantil

Ao ritmo actual, a Xunta tardará 25 anos en cubrir a demanda de prazas públicas en educación infantil

Ao ritmo actual, a Xunta tardará 25 anos en cubrir a demanda de prazas públicas en educación infantil

A portavoz de política social do grupo socialista, Noela Blanco, defendeu unha proposición non de lei no Parlamento para pedir que a Xunta aumente o número de prazas públicas de educación infantil nesta lexislatura para acabar coas listas de espera e coa “incertidume” de 3.000 familias que este ano “non saben se lles tocará a lotería”. Blanco criticou que, “ao ritmo actual” do goberno de Feijóo, a Xunta “necesitaría un cuarto de século” para cubrir a demanda existente.

Blanco apuntou que 54 das escolas infantís abertas nos últimos anos foron proxectadas na etapa do anterior goberno presidido polos socialistas, mentres que Feijóo só abriu “oito en oito anos, unha por ano”. A socialista criticou que o goberno galego utilice o eufemismo de que “ningún neno quedará sen praza con apoio público” para agochar o “apoio público a centros privados” e “crearlle ás familias a necesidade de acabar recurrindo ao salvavidas que significa a privatización de servizos”.

A iniciativa socialista demanda tamén a apertura de prazas públicas de educación infantil en todos os polígonos industrias de Galicia nos vindeiros catro anos e a cobertura de toda a demanda existente durante os meses de verán. “É un paso máis a prol da conciliación para seguir loitando pola igualdade de oportunidades e evitar o desastre de todos os anos”, pediu Blanco.

A socialista criticou ademais o aumento do prezo de máis do 27% en cada praza co goberno de Feijóo, así como o feito de que a Xunta asumiu o compromiso de frear a creación de escolas infantís públicas onde existen centros privados, tal e como afirmou a Asociación de Escolas Privadas nun comunicado sen que o goberno galego o desmentise. Blanco pediu empregar os 14 millóns de euros de investimento que se adicarán en dous anos aos centros privados para crear as prazas públicas necesarias.

Tamén censurou que en 2016, a Xunta só cumpriu a metade de prazas prometidas na memoria dos Orzamentos, polo que as 402 para 2017, “quedarán, con sorte, en 200”. Por todo isto, cualificou como “desastrosa” a política do goberno galego coa rede de escolas infantís e pediu que a Xunta “deixe de facer oposición ao pasado e empece a poñer solucións sobre a mesa”. Así mesmo, lamentou que na intervención do goberno galego no pleno non houbese “nin unha verba para as familias que non saben se o ano que vén poderán ter unha praza” nestas escolas públicas.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar