Ano perdido de Feijóo, coa fractura social, xeracional, de xénero e de emprego como único balance

Ano perdido de Feijóo, coa fractura social, xeracional, de xénero e de emprego como único balance

Ano perdido de Feijóo, coa fractura social, xeracional, de xénero e de emprego como único balance

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe que os socialistas galegos reclamarán, no debate do Estado da Autonomía que comeza mañá, a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para reivindicar a transferencia da AP-9. O responsable socialista adiantou hoxe o balance dun debate no que debullará as consecuencias dun “ano perdido” para Galicia debido á xestión do goberno galego.

Fernández Leiceaga criticou a “complicidade” demostrada por Feijóo no veto á transferencia da infraestrutura e reclamou activar a dita Comisión como “un último intento para desbloquear na vía institucional” a petición unánime da Cámara autonómica. Censurou neste sentido a conivencia do presidente galego coa “posición cerril e falla de contido razoable” do Executivo central.

O portavoz socialista acusou ao presidente da Xunta de traballar “cun ollo posto en Madrid”, o que “condiciona a xestión” de tódalas demandas de Galicia ao goberno central. Así foi, resumiu, coa marxinación de Galicia nos orzamentos do Estado, na execución das liñas de AVE ou agora co bloqueo na Mesa do Congreso ao debate sobre a transferencia da AP-9 a Galicia.

Criticou que o presidente da Xunta renunciara a “explicar algunha proposta nítida para recuperar a dignidade do Parlamento de Galicia”, logo de que o PP impedira o debate en Madrid dunha iniciativa aprobada por unanimidade en Galicia. Criticou a un presidente preocupado por facer “electoralismo a curto prazo” centrado na “publicidade e propaganda” mentres renuncia a “calquera acción efectiva e con resultados”.

Balance

Xoaquín Fernández Leiceaga lamentou que a única iniciativa que puido levar adiante o goberno de Feijóo no seu primeiro ano desta Lexislatura foi a Lei de Benestar Animal, o que “evidencia a súa carencia absoluta de proxecto” nunha Galicia que “palidece na comparación co resto de España”. Sinalou así a “fractura social, xeracional, de xénero e de emprego”, cuestións que “non son abordadas por Feijóo”.

O portavoz socialista aludiu aos datos de afiliación á Seguridade Social coñecidos hoxe, polos que Galicia apenas creceu o 60 por cento da media estatal, ofrecendo un balance anual por debaixo do 2 por cento, mentres o resto do Estado medra por riba do 3 por cento.

Algo semellante sucede co paro, cun comportamento “sensiblemente peor que a media estatal”, ao punto de que ao nivel actual “tardariamos 8 anos en recuperar o nivel de emprego previo á crise, e un pouco máis en absorber o desemprego”.

Debate territorial

Leiceaga criticou tamén a falla de iniciativa do presidente galego á hora de mellorar a posición de Galicia no debate territorial “que ten que abrirse logo dos actos de Cataluña”. Defendeu “impulsar o modelo Federal, que combine o respecto á diversidade cun vector de igualdade para acadar un financiamento semellante que garanta a igualdade de trato entre as autonomías”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar