Alarmantes retrasos na convocatoria de cursos de formación da Xunta

Alarmantes retrasos na convocatoria de cursos de formación da Xunta

Alarmantes retrasos na convocatoria de cursos de formación da Xunta

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, alertou hoxe en Santiago dos graves retrasos na convocatoria dos cursos de formación da Xunta, nomeadamente aqueles dirixidos a desempregados. Así o dixo logo dun encontro co secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, para avaliar a situación do mercado laboral galego, dentro da rolda de encontros do Grupo Socialista cos axentes sociais.

O responsable socialista deu a alarma sobre a falla destas convocatorias anuais correspondentes ao ano 2016, cando remata xa o mes de novembro. Advertiu que esta mostra da ineficacia do goberno galego “xera un problema para quen está agardando por adquirir novas competencias para situarse mellor no mercado laboral”, nomeadamente os parados de longa duración con máis dificultades para volver a atopar traballo.

Fernández Leiceaga puxo este caso como mostra da “ineficacia de moitas das medidas que está intentando levar a cabo o PP, non só polo seu deseño senón tamén pola propia xestión das mesmas”.

Os socialistas galegos e o sindicato nacionalista coincidiron, explicou, na diagnose do problema que afecta a Galicia á hora de “cómo crear emprego, cómo xerar un mercado laboral razoable onde poidan integrase os xóvenes e aqueles cunha situación máis acusada”.

Neste encontro deron un “repaso polas políticas activas de emprego e aquelas medidas relacionadas co mercado laboral” nas que o goberno galego está a demostrar maior debilidade. Tamén analizaron as políticas industriais e amosaron o seu “escepticismo” cara a proxectos como o de As Rozas, xunto coas dificultades xeneralizadas en diversas áreas en sectores”.

Fernández Leiceaga advertiu da necesidade de aproveitar oportunidades de emprego de calidade en sectores punteiros que xeren valor engadido, e apostou por continuar coa colaboración co sindicato “co obxecto de seguir mantendo xuntanzas” de cara á preparación de iniciativas parlamentarias.

O encontro de hoxe contou coa presenza, ademais de Fernández Leiceaga e Seixo, dos portavoces de Emprego e Industria do Grupo Socialista, Noela Blanco e Abel Losada, respectivamente, e do secretario confederal de finanzas do sindicato, Ramiro Oubiña.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar