Afirman que a Xunta sitúa a Galicia no camiño dos 300.000 parados cos seus “orzamentos da resignación”

Afirman que a Xunta sitúa a Galicia no camiño dos 300.000 parados cos seus “orzamentos da resignación”

Afirman que a Xunta sitúa a Galicia no camiño dos 300.000 parados cos seus “orzamentos da resignación”

O parlamentario González Santín sinala que Feijóo renuncia ao crecemento e á creación de emprego e traslada o pago dos servizos públicos aos galegos e galegas

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, advertiu que os orzamentos da Xunta para 2013, que cualificou como os “orzamentos da resignación”, suporán que Galicia supere os 300.000 parados en 2013. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Facenda na Comisión de Orzamentos.

O responsable socialista advertiu que Feijóo vai camiño de duplicar o número de parados dende 2007, cando Galicia tiña 162.000 parados. Dixo que “nós non queremos resignarnos” mentres Feijóo presenta unhas contas que “renuncian ao crecemento económico, renuncian a crear emprego e trasladan o pago dos servizos públicos aos galegos e galegas”, en alusión ao pago das próteses do sistema sanitario.

Lembrou que Galicia ven de rexistrar en decembro a suba mais elevada de parados en todo o Estado, con 2.281 parados mais que en novembro e 20.553 mais que fai un ano, mentres a Xunta “prevé un novo incremento do desemprego”. Apuntou que estes orzamentos reducen ademais un 40,4 por cento os programas de promoción do emprego, en 127 millóns de euros, co maior volume de parados da historia de Galicia.

Engadiu que actualmente, grazas á política do PP, 80.000 fogares galegos teñen a tódolos seus membros no paro, un desemprego que acada o 50 por cento entre os menores de 25 anos. Advertiu que en lugar de impulsar a economía e o emprego e defender os servizos públicos, Feijóo “está a implantar un sistema público de beneficencia, diferente para ricos e para pobres”.

González Santín apuntou que a Xunta ven de enlazar unha serie de orzamentos a cal mais restritivo dende a chegada do PP ao goberno galego para culminar cos de 2013, que suporán unha redución real do 10 por cento con relación ao ano pasado. Esta contía resulta da redución real, o incremento do pago da débeda, e a suba do IPC.

Explicou así que aos 378 millóns de euros que diminúen os orzamentos da Xunta de Galicia, hai que sumar un aumento do pago da débeda do 24 por cento, polo que a baixada real é de 655 millóns de euros. Esta cifra supón un 7,3 por cento menos con respecto a 2012, ao que se suma a suba do IPC do 2,7 por cento, o que resulta o 10 por cento de redución orzamentaria.

Débeda

González Santín acusou a Feijóo de levar a Galicia ao seu máximo histórico de débeda pública, multiplicando por seis en catro anos a débeda acumulada nos catro anos anteriores. Explicou que a débeda pública aumentou de novo en 3.492 millóns de euros coa xestión de Feijóo, situándose nun total de 7.622 millóns de euros, que sería un total de 12.000 millóns de euros si se lle suman os pagos das concesións privadas.

Este incremento da débeda coincide cun drástico recorte nos investimentos públicos, que pasan de 1.400 millóns de euros en 2009, o último orzamento elaborado polo goberno socialista, a 269 en 2013, o que sen dúbida “empeorará a situación do mercado de traballo”.

Explicou que estes orzamentos “consolidan e agravan os recortes sociais” acumulados durante os últimos catro anos ao detraer un total de 739 millóns de euros de educación, 847 de sanidade e 283 de promoción social entre 2009 e 2013. A estes súmanse os recortes en vivenda pública, cultura -219 millóns de euros-, deportes -67 millóns-, e transferencias ás entidades locais -49 millóns de euros-.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar