Advirten a “enorme distancia entre o discurso oficial de Feijóo na UE e a realidade galega”

Advirten a “enorme distancia entre o discurso oficial de Feijóo na UE e a realidade galega”

Advirten a “enorme distancia entre o discurso oficial de Feijóo na UE e a realidade galega”

José Luis Méndez Romeu sinala que Feijóo obviou en Bruxelas o desvío de fondos comunitarios pola Deputación de Ourense ou que Galicia lidera a destrución de emprego en Europa

Salienta a normalidade do diálogo entre Gómez Besteiro e Feijóo pero advirte “escepticismo” do PSdeG polos “malos precedentes” que supoñen o incumprimento dos acordos parlamentarios pola Xunta

Sinala que “non somos só a voz do PSdeG, tamén a dos cidadáns que buscan unha alternativa ao PPdeG”

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, advertiu a “enorme distancia entre o discurso oficial de Feijóo na UE e a teimuda realidade” do fracaso da súa xestión en Galicia. Ironizou con que o presidente da Xunta “investiuse de estadista” diante do Comité das Rexións “esquecendo” o caso de desvío de fondos comunitarios na Deputación de Ourense ou que Galicia lidera o ránking de destrución de emprego en Europa.

O responsable socialista sinala que o presidente da Xunta presentou onte en Bruxelas un discurso desconectado da “realidade teimuda” do fracaso da súa xestión en Galicia, mentres “dedicouse a falar con solemnidade do obvio, como é administrar con rigor os recursos públicos”.

Méndez Romeu puntualizou a contradición deste discurso co expediente aberto á Deputación de Ourense polo “escándalo do desvío de fondos comunitarios” e a falla de control da súa xestión baixo o mandato do PP.

Tamén salientou que o presidente da Xunta falara da creación de emprego cando Galicia está no posto 36 de 352 rexións en destrución de emprego, un ránking que tamén encabeza en España, só superada por unha Comunidade Autónoma. Ademais, dixo que a situación en Galicia estase a tornar en “case irreversible” xa que a metade dos parados superan os 12 meses desempregados.

Advertiu que o goberno galego se ten demostrado ademais “incapaz de aprobar os fondos para promoción de emprego dos concellos para o ano 2013”, mentres os concellos “teñen que lembrar que os veciños están reclamando o pago dos medicamentos da farmacia hospitalaria”.

Escepticismo e malos precedentes

O responsable socialista salienta a normalidade que supón a apertura do diálogo entre o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gómez Besteiro e Feijóo, aínda que advirte do “escepticismo” polos “malos precedentes” que supoñen o incumprimento polo goberno galego da practica totalidade dos acordos aprobados na Cámara galega, nomeadamente as resolucións aprobadas no debate do Estado da Autonomía de 2012.

Salientou o incumprimento hoxe mesmo do acordo sobre as pensións dos emigrantes retornados, xa que o PP votou en contra no Senado unha proposta do PSdeG logo de que o Parlamento de Galicia a aprobara por unanimidade.

Méndez Romeu sinalou que “non somos só a voz do PSdeG-PSOE, tamén somos a voz dos cidadáns que se achegan a unha alternativa diferente da que ofrece o PPdeG”. Asegurou que a nova dirección do partido quere “ofrecer unha alternativa diferente á da maioría do PP”, presentando iniciativas “con vontade de ser útiles e contribuír á gobernación do país dende a oposición ou dende o goberno”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar