Acusan ao PP de poñer “o goberno e a maioría absoluta ao servizo dos intereses persoais de Telmo Martín”

Acusan ao PP de poñer “o goberno e a maioría absoluta ao servizo dos intereses persoais de Telmo Martín”

Acusan ao PP de poñer “o goberno e a maioría absoluta ao servizo dos intereses persoais de Telmo Martín”

Ismael Rego lamenta que o PP rexeite unha moción para restaurar a legalidade no inmoble de Construcuatro que invade espazo público en Silgar –Sanxenxo- polo que perdoaron unha multa de 3 millóns de euros

Acusa ao PP de verter un “manto de opacidade” sobre o expediente urbanístico de Telmo Martín ao rexeitar a súa entrega ao Parlamento

O responsable da área de Territorio do Grupo Socialista, Ismael Rego, acusou ao PP de poñer “o goberno e a maioría absoluta do PP ao servizo dos intereses persoais de Telmo Martín”. Así o dixo logo do rexeitamento do PP a unha moción socialista para repoñer a legalidade urbanística do inmoble de Construcuatro que invade a praia de Silgar polo que lle perdoaron unha multa de 3 millóns de euros.

O responsable socialista criticou a “tropelía urbanística de primeiro nivel” realizada pola Xunta para perdoarlle ao deputado do PP no Congreso unha multa de 3 millóns de euros imposta polo Tribunal Supremo pola ocupación de dominio público marítimo terrestre en Silgar –Sanxenxo-. Lembrou que a sentenza do tribunal obriga á reposición da legalidade pola ocupación do dominio público e o incumprimento do volume de edificabilidade.

Rego replicou ás acusacións de persecución política vertidas polo construtor do PP e os seus compañeiros de partido. Preguntou que “cómo é posible que se sinta perseguido” cando lle foron “perdoados” 3 millóns de euros polo inmoble de Silgar e cando pesa sobre el unha sentenza polo cobro indebido de sobreprezos na construción dunha urbanización en San Paio de Navia.

Esixiu “luz e taquígrafos onde hai sombras” sobre este proceso, xa que “non poden blindar” os intereses dun particular membro do PP “dando a sensación de que hai dúas varas de medir: unha para os compañeiros do partido e outra para o resto dos cidadáns”. Explicou que este feito xera inseguridade xurídica e converte en “papel mollado” a lexislación urbanística de Galicia.

Pisoteo dos dereitos

Rego acusou ao PP de “exercer de cómplice necesario no pisoteo dos dereitos dos deputados” tendendo un “manto de opacidade sobre o expediente urbanístico a Telmo Martín na praia de Silgar” ao votar en contra da entrega do mesmo á Cámara antes do remate do período de sesións.

Rego lembrou que o Grupo socialista reclamou dito expediente o pasado 16 de abril a través do artigo 9 do Regulamento do Parlamento, que obriga á Xunta a responder nun prazo de 30 días, sen que a día de hoxe, 26 de xullo, teña sido enviado nada. Lembrou que a Xunta “a día de hoxe non remitiu ningunha fundamentación razoada para non dar a documentación”.

Dixo que “negar a documentación constitúe un feito sen precedentes, un escándalo que non poden tapar vostedes nin o goberno” e esixiulle ao PP que aprobaran esta iniciativa para que “ninguén poña de rodillas a esta institución”.

Os socialistas esixíanlle ao goberno, a través desta iniciativa, que “evite calquera tipo de discrecionalidade ou trato de favor” na aplicación da lexislación urbanística de Galicia, e en especial na utilización dos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

A proposta sinala que a Xunta debe garantir “que a tramitación e aprobacións de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal se efectúe baixo criterios de interese xeral” e con “suficiente xustificación pública e obxectividade”.

Rego insta ao goberno galego a que remita ao Parlamento un informe completo sobre a situación actual e desenvolvemento futuro previsto en relación ás Directrices de ordenación do territorio e ao Plan de Ordenación do litoral. Este informe debe explicar ademais “as resolucións ou acordos adoptados en relación aos contenciosos ou reclamacións presentadas”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar