Acusan á Xunta de paralizar o minieólico por permanecer “hipotecada polo lobby das cinco grandes compañías eléctricas”

Acusan á Xunta de paralizar o minieólico por permanecer “hipotecada polo lobby das cinco grandes compañías eléctricas”

Acusan á Xunta de paralizar o minieólico por permanecer “hipotecada polo lobby das cinco grandes compañías eléctricas”

José Luis Méndez Romeu advirte que o goberno galego exclúe a este sector das axudas públicas

O portavoz de Industria, Turismo e Minas do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, acusou á Xunta de paralizar deliberadamente o desenvolvemento da industria minieólica por permanecer “hipotecada polo lobby das 5 grandes compañías eléctricas”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para impulsar a industria eléctrica para autoconsumo, rexeitada polo PP na Comisión de Industria de hoxe.

O responsable socialista acusou ao goberno galego de ter excluído das axudas públicas á industria minieólica, un sector con tecnoloxía galega e mesmo un clúster que agrupa a 16 empresas agrupadas. Apuntou que estas empresas “están tratando de conectar coa Xunta a través do Igape”, mentres o goberno galego se limita a “torealas” xa que, dixo, o sector “leva agardando mais de un mes a que a Xunta teña tempo de recibilos”.

Lembrou que a industria das minieólicas está a ser impulsada en outras autonomías gobernadas polo PP, como é o caso de Estremadura, onde o goberno autonómico apunta que estas instalacións permiten un aforro do 80 por cento na factura eléctrica. Méndez Romeu reclamou a modificación da lexislación enerxética para que as instalacións de 100 kilovatios non sexan consideradas parque eólico.

Apuntou que as instalacións de autoconsumo comezan a ser rendibles a partir dos 10 kilovatios, e acusou tanto ao Inega, como á dirección xeral de Urbanismo e á Fegamp de “non querer actuar”. Mentres, as compañías eléctricas incumpren os prazos para “boicotear o desenvolvemento deste tipo de enerxía”, xa que a alta destas instalacións custa 500 euros mentres as compañías néganse a retribuír o excedente de enerxía que é devolto á rede eléctrica.

Encarecemento brutal

O parlamentario socialista criticou que o gran fracaso do goberno de Feijóo co Plan Eólico, que permanece paralizado dende a súa chegada ao goberno galego mentres o sector constata que “o único que teñen provocado é o encarecemento brutal e fora de control dos prezos da enerxía”. Ademais, apunta que a sucesión de reformas lexislativas dende 2012 provocan o encarecemento sistemático de familias, consumidores e empresas.

Méndez Romeu explicou que o sector deixará ademais de percibir este ano 45 millóns de euros pola supresión de primas acordada unilateralmente por Rajoy en xaneiro de 2012, mentres o goberno galego “non foi quén de modificar a posición e salvagardar os 2.300 megavatios adxudicados en 2009”.

A conclusión é que as empresas ven cómo os proxectos asociados ao Plan Eólico son inviables, polo que “non haberá nin plan industrial, nin creación de parques nin os 13.000 empregos que foron tan publicitados por Feijóo”.

Reclamoulle polo tanto que “cando menos tratemos de salvagardar ao sector da minieólica, moi importante para resolver os problemas de custe da enerxía, nas explotacións gandeiras, pequenas industrias e vivendas illadas”.

O parlamentario socialista presentou hoxe unha proposta, rexeitada polo PP, para que a Xunta impulse a produción de enerxía eléctrica para autoconsumo “con instalacións de aeroxeneración de menor potencia en granxas e industrias”. Tamén reclamaba “desenvolver no Inega liñas de incentivo e de divulgación que faciliten o despegue de esa modalidade de produción”.

Esta proposición non de Lei incluía ademais “monitorizar as instalacións existentes e publicar os datos na web” e “trasladar ao goberno de España a urxencia pola aprobación do Real decreto de balance neto”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar