Acusan á Xunta de estar a causar un gran mal á lingua galega e poñer en xogo o seu futuro

Acusan á Xunta de estar a causar un gran mal á lingua galega e poñer en xogo o seu futuro

Acusan á Xunta de estar a causar un gran mal á lingua galega e poñer en xogo o seu futuro

Francisco Cerviño recriminou ao Secretario Xeral de Política Lingüística que a lingua non se defende con concursos de redacción, porque “o futuro da lingua xógase na familia e no ensino”

O parlamentario socialista, Francisco Cerviño, ven de acusar ao Presidente da Xunta e ao Partido Popular de gobernar “obxectivamente” en contra da lingua galega, ao retirarlle a discriminación positiva que necesita e ao renunciar ao apoio da mesma no entorno familiar e no ensino, que “é onde se xoga o futuro da lingua”, afirma o deputado socialista, “ e non en concursos de redacción, exposicións ou no día das letras galegas”, reprochou ao Secretario Xeral de Política Lingüística, que hoxe comparecía en Comisión parlamentaria.

Cerviño sinalou como responsable último da política lingüística da Xunta a Núñez Feijóo e lamentou que o Partido Popular non faga nada polo idioma “por un puñado de votos”, por “contentar a unha pandilla de pijos” “ou os patufos desleigados” de Celso Emilio Ferreiro, e por “quedar ben diante da extrema dereita mediática de Madrid”, onde, a xuízo do socialista, Feijóo se sinte tan cómodo co trato recibido.

Para o deputado socialista, a Xunta de Feijóo está a causar “un gran mal á lingua galega”, e recriminou ao Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, que tentara provocar o sorriso dos deputados “axitando axóuxeres”, facendo referencia á campaña institucional, pero en realidade o que conseguiu, dixo Cerviño, “foi un aceno de tristeza”.

Porque os datos refrendan a preocupación polo deputado socialista, quen citou a enquisa de condicións de vida das familias, comparando o período 2003-2008. Reflicten un incremento das familias monolingües casteláns do 10.6% ao 19%, e un aumento das que declaran o uso do castelán sobre o galego. Este mesmo informe recolle unha tendencia descendente dos monolingües galegos e un maior grao de castelanización segundo é menor a idade dos individuos. Denunciou tamén Francisco Cerviño a perda da transmisión no entorno familiar, do 25% por xeración.

Tal situación levou ao deputado socialista a citar un artigo de Henrique Monteagudo no que advertía de que “os meus netos poden asistir dentro de cincuenta anos á ominosa situación da desaparición da lingua galega”. Preocupación reforzada por Manuel Rivas no discurso de ingreso na Real Academia Galega, onde advertía do risco de morte do galego, lembrou Cerviño, que rematou citando a unha serie de especialistas e institucións que sosteñen a mesma tese.

Reprochou aos populares que rexeitaran o ofrecemento socialista de consenso a través dunha proposición non de lei e en base ao Plan Xeral de Normalización que o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, cualificou de “batiburrillo”.

A conclusión do deputado socialista é que a política lingüística da Xunta é “un penoso desastre”.

PESAR POLO PASAMENTO DE ILLA COUTO

Ao comezo da súa intervención, Francisco Cerviño, quixo deixar constancia do pesar persoal e do Grupo Socialista polo pasamento do “galeguista e demócrata cabal”, Xaime Illa Couto, quen traballou pola súa cultura e o seu idioma, e sufriu represión por elo, recordou.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar