Acusan á Xunta de deixar sen executar 160 millóns de euros de promoción de emprego mentres cada día hai 60 galegos afectados por un ERE

Acusan á Xunta de deixar sen executar 160 millóns de euros de promoción de emprego mentres cada día hai 60 galegos afectados por un ERE

Acusan á Xunta de deixar sen executar 160 millóns de euros de promoción de emprego mentres cada día hai 60 galegos afectados por un ERE

Miguel Ángel Fernández critica a “ineficacia e incapacidade” da conselleira de Traballo ao facer de Galicia a autonomía máis afectada polos EREs durante 2011

O portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Miguel Ángel Fernández, acusou á Xunta de deixar sen executar un total de 160 millóns de euros dos orzamentos para promoción do emprego durante o ano 2011, mentres 60 galegos e galegas se viron afectados por un ERE cada día. Fernández Presentou hoxe unha Interpelación sobre o desleixo da Xunta en materia laboral.

O responsable socialista advertiu que a conselleira de Emprego ven de ofrecer mostras sobradas da súa “ineficacia e incapacidade” ao facer de Galicia a Comunidade Autónoma mais afectada polos Expedientes de Regulación de Emprego durante 2011. Criticou que estas cifras coincidan precisamente co ano no que a Xunta deixou sen investir o 30 por cento do orzamento destinado a promoción do emprego.

Lembrou que a Xunta ten competencias exclusivas en materia laboral e de fomento e planificación da actividade económica, malia o que durante 2011 Galicia foi a Comunidade Autónoma que mais aumentou o número de afectados por estes expedientes, cun incremento do 73,13 por cento fronte ao 13 por cento de media estatal. Así, os 13.186 traballadores e traballadoras afectados en 2010 pasaron a ser 22.829 en 2011.

Recriminou ao Goberno Feijóo que diante destas cifras, deixaran sen executar 160 millóns de euros en promoción do emprego, 25 millóns de euros na mellora de cualificación laboral e 27 millóns de euros en fomento do emprego.

Ademais, as cifras apuntan que Galicia acadou neste exercicio o seu máximo histórico no número de EREs autorizados, cun total de 1.668, o 8 por cento do total do Estado e un 55 por cento mais que no ano 2010.

Puntualizou que estas cifras están a empeorar en 2012, xa que en xaneiro e febreiro Galicia rexistrou 306 EREs, un 30 por cento mais que no mesmo período en 2010, cun 19 por cento mais de traballadores afectados por expedientes autorizados e 517 traballadores afectados por EREs de extinción, un 30 por cento mais. Replicoulle así á Xunta sinalando que nesta etapa xa estaban Rajoy na Moncloa e Feijóo en Monte Pío.

Reprochou á conselleira que, logo de tres anos sigan recorrendo ao goberno anterior e a ao goberno de Zapatero para ocultar a súa “incapacidade ou ineficacia”. Lembrou ao Goberno galego que en comparación cos meses de xaneiro e febreiro de 2011, da etapa de Zapatero aos mesmos meses deste ano, con Rajoy na Moncloa, hai un 30% máis de EREs, 360, un 19% máis de traballadores afectados por expedientes autorizados e 517 traballadores afectos por EREs de extinción, un incremento do 30%.

Respecto á incidencia da reforma laboral “que vostedes aprobaron e que lles permite ás empresas e empresarios iniciar e facer un ERE sen autorización previa”, considera Miguel Ángel Fernández López que non vai contribuír a mellorar a situación.

Acusou á Conselleira Mato de ter a responsabilidade sobre “outra ocasión perdida” de explicar a eses sesenta galegos e galegas que, cada día perden o seu traballo a través dos EREs para coñecer que lles vai ofrecer o Goberno Feijóo “que non lle ofrecera en tres anos que leva gobernando”.

Instou á responsable de Traballo e ao Presidente a explicar que pensan facer contra o paro, logo de tres anos no Goberno galego, aos 206 traballadores e traballadoras que o perden a diario en Galicia.

Emprazou á conselleira a comparecer a petición propia para informar sobre o paro no vindeiro pleno, xa que ata o de agora só o fixeron por interpelacións da oposición. Para que explique os motivos polos que deixou sen executar 160 millóns de euros, e as razóns polas que Galicia encabeza a lista de CC.AA. de incremento dos traballadores afectados por EREs (un 73,13% fronte un incremento medio do 13% no Estado).

Galicia “non vai ben”, dixo Fernández López, e a razón é, entre outras circunstancias, “porque non temos Goberno, non temos Presidente e temos unha conselleira de Traballo que non executa os orzamentos” mentres aumenta o paro, concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar