Acusan á Xunta de deixar a “milleiros de cidadáns na cuneta” facendo “saltar polos aires” o Plan Concertado de Servizos Sociais

Acusan á Xunta de deixar a “milleiros de cidadáns na cuneta” facendo “saltar polos aires” o Plan Concertado de Servizos Sociais

Acusan á Xunta de deixar a “milleiros de cidadáns na cuneta” facendo “saltar polos aires” o Plan Concertado de Servizos Sociais

Carmen Gallego advirte do “recorte brutal” ao Plan Concertado cando Galicia ten 660.000 persoas na pobreza, a mesma poboación que as provincias de Lugo e Ourense xuntas

A responsable da Área de Servizos Sociais do Grupo Socialista, Carmen Gallego, acusou á Xunta de deixar “na cuneta” a “milleiros de cidadáns” que se verán afectados polo “recorte brutal” ao Plan Concertado de Servizos Sociais. Gallego presentou unha proposición non de Lei que será debatida no próximo Pleno para que a Xunta rectifique nesta “voadura controlada”.

Gallego explicou que o PP está facendo “saltar polos aires” o Plan Concertado, posto en marcha nos anos 80 polos gobernos socialistas para que os concellos ofreceran prestacións sociais con fondos propios, estatais e autonómicos. Explicou que a Xunta reduce o orzamento de 20,5 millóns en 2009 a 12,4 en 2012 e 8,6 en 2013, mentres o goberno central pasa de 50 millóns en 2012 a tan só 30 nos orzamentos de 2013.

Acusou á Xunta e ao PP de deixar “na cuneta” aos 662.515 galegos e galegas que había por debaixo do limiar da pobreza en 2011 de acordo coa Rede Galega contra a Pobreza, tantos como a poboación e Lugo e Ourense xuntas. Explicou que o recorte do Plan Concertado, unido ás restricións aos concellos e a prohibición de endebedarse os incapacita de facto para atender a estes veciños e veciñas en risco de exclusión social.

Gallego apuntou que o Goberno central fixo desaparecer dos orzamentos de 2013 os fondos para teleasistencia, así como os programas para menores ou o Plan de acción para persoas con discapacidade, mentres reduce un 40 por cento os fondos para o Plan Concertado con respecto a 2012 e un 65 por cento con respecto a 2011. Todo isto mentres hai 90.100 familias galegas con tódolos seus membros en paro e 30.000 fogares sen ingresos de ningún tipo.

Decisión ideolóxica

A responsable socialista advertiu que esta “decisión ideolóxica” ten “pouco que ver co uso eficiente dos servizos públicos e moito coa privatización dos servizos sociais” por parte da dereita. Lamentou que “a obsesión pola prima de risco e o déficit deixa atrás a vida real das persoas, como si o social fora un subproduto da economía, cando en realidade a economía debe estar ao servizo do benestar das persoas”.

Carmen Gallego conminou a Feijóo e ao PP a apoiar esta iniciativa “para evitar que a cidadanía sufra”, volvendo ao nivel orzamentario de 2011, cumprindo co compromiso da conselleira de Benestar, quen manifestou publicamente que ía “atopar os recursos necesarios”.

Os socialistas galegos chaman ao PP a apoiar esta iniciativa no Pleno que comeza o próximo martes, logo da aprobación definitiva dos orzamentos da Xunta para 2013, na que reclama “repoñer o orzamento dedicado ao Plan Concertado pola Xunta de Galicia a niveis como mínimo de 2011. Tamén chaman á Xunta a que se poña en contacto co Goberno de España para manter un “nivel público de servizos sociais de nivel primario”.

A parlamentaria socialista reclamou así “dar resposta á esixencia da Constitución Española de garantir unha serie de dereitos sociais e, polo tanto, o exercicio da igualdade de oportunidades”. Tamén reclama ao goberno de España “que repoña os fondos do Plan Concertado e do Programa de Teleasistencia como mínimo ao nivel de 2011”, ademais dun “compromiso financeiro estable” para garantir a viabilidade dos servizos sociais.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar