Acusan a Feijóo de “menoscabar os dereitos públicos esenciais” para garantirlle negocio ao sector privado

Acusan a Feijóo de “menoscabar os dereitos públicos esenciais” para garantirlle negocio ao sector privado

Acusan a Feijóo de “menoscabar os dereitos públicos esenciais” para garantirlle negocio ao sector privado

Abel Losada cualifica ao presidente da Xunta “último Robinson Crusoe da bobada do déficit cero en tempo de crise”

O viceportavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou ao presidente da Xunta de “menoscabar os dereitos públicos esenciais” para garantir o negocio do sector privado. Así o dixo no debate do Estado da Autonomía, no que o PP rexeitou tódalas propostas de resolución presentadas polos socialistas galegos logo de intentar retirarlle tódolos compromisos temporais e orzamentarios, cambiando a negociación polo “ordeno e mando”.

Losada dixo que o goberno galego quere “cambiar o modelo económico baixando os salarios” para ter unha “poboación mais débil para negociar” ao tempo que “menoscaban a recadación fiscal” como principal argumento da “coartada” contra os servizos públicos esenciais. Así, acusou a Feijóo de incumprir o seu compromiso de “blindar os servizos públicos” aplicando o repago das medicinas ou dos comedores escolares.

O responsable socialista criticou así que aplicar taxas en sanidade ou educación coa escusa de que pague mais quen mais ten “non é neutral nin altruísmo, é unha estratexia para acabar cos sistemas públicos”. Explicou que “nos dereitos esenciais ninguén ten que pagar nada independentemente da súa renda, xa que os que teñen mais teñen que pagar impostos progresivos”.

Abel Losada revelou o caso dunha doente drogodependente seropositiva con hepatite que reside nunha casa abandonada e que ten que ir acompañada por unha ONG para tomar os seus medicamentos e que agora a Xunta vaille cobrar polos medicamentos da hepatite. Esixiu así “servizos públicos esenciais blindados, universais e gratuítos, sen excepcións nin milongas”.

Instou ao goberno galego a destinar ao pago das medicinas hospitalarias para os doentes de hepatite e cancro os 18 millóns de euros que lle entregaron á CEG para internacionalizar a economía galega, dos que “nunca se explicou o resultado”.

Utilizou o discurso do presidente da Xunta no debate do Estado de Investidura, hai agora un ano, para evidenciar os incumprimentos dos seus compromisos, comezando polas políticas de emprego do PP, baseadas, dixo, “no desánimo e a emigración” como os dous obxectivos principais.

Losada explicou que de acordo coa EPA neste ano houbo cada mes 1.000 parados menos, 3.000 ocupados menos e case 2.000 afiliados á Seguridade Social menos, o que significa que “a xente está desesperada e abandona o sistema acaba na pobreza ou ben emigra”. Reclamou apoio á proposta do PSdeG para fomentar 30.000 contratacións e criticou que a Xunta teña reducido un 60 por cento os orzamentos para fomento da empregabilidade.

Afeoulle ao PP que a pesares dos anuncios de diálogo e as declaracións públicas para crear emprego, a realidade é que mentres medra o paro “nin sequera fixeron unha proposta de transacción” sobre a iniciativa socialista.

Bobada

Sinalou que logo do acordo de ampliación da débeda en Estados Unidos acadado hoxe “nin sequera o Tea Party, agora o último Robinson Crusoe desa bobada do déficit cero son Núñez Feijóo e a súa conselleira”. Criticou que o presidente da Xunta defenda ao mesmo tempo “déficit cero, recortes a esgalla e a chulería inexplicable de ter marxe de déficit e renunciar a 180 millóns de euros mentres recorta”.

Losada anunciou que os socialistas apoian a proposta do PP de rebaixar o IRPF ás rendas baixas, si ben resulta “insuficiente” ao non incorporar a suba das rendas mais altas, a creación do imposto do patrimonio ou as taxas de sucesións e doazóns ou os impostos á banca. Ademais, explicou que en realidade “a Xunta non rebaixa nada” mentres o IPC suba por riba do 0,5 por cento.

Tamén criticou o fracaso da política do goberno galego para impulsar os sectores produtivos de Galicia, xa que o sector industrial ten hoxe os mesmos traballadores que no 96, en plena reconversión do sector, e Feijóo ten 50.000 traballadores menos que cando chegou ao goberno. Dixo ademais que o seu engano co contrato con Pemex “sementa frustración” no sector, utilizando as palabras do propio presidente da Xunta.

Ditadura

Losada cualificou de “tomadura de pelo” a proposta do PP de reprobación á ditadura franquista xa que, dixo, “o Parlamento ten que condenar, non reprobar”, nunha iniciativa que resulta, engadiu, “dobremente indigna cando un deputado do PP dixo no debate do Estado da Autonomía que o alcalde de Beade non representa ao PP”, e preguntou “a quén representa”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar