Acusan a Feijóo de “improvisar” e “divagar” os seus compromisos co naval, que suman 43 buques prometidos pero ningún construído

Acusan a Feijóo de “improvisar” e “divagar” os seus compromisos co naval, que suman 43 buques prometidos pero ningún construído

Acusan a Feijóo de “improvisar” e “divagar” os seus compromisos co naval, que suman 43 buques prometidos pero ningún construído

Méndez Romeu leva ao Parlamento as promesas do dique flotante e os supostos contratos con Pemex e lembra que “os traballadores do naval non comen dos anuncios de Feijóo”

Acusa ao PP e a presidenta do Parlamento de “cercenar os dereitos dos cidadáns” vetando o acceso ao Pleno porque “as visitas destes traballadores lles incomodan e molestan”

O portavoz de Industria, Turismo e Minas do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, acusou ao presidente da Xunta de estar catro anos “divagando” e “improvisar” os seus compromisos co naval galego. Lembrou que as súas promesas suman xa 43 buques prometidos antes de que comezara a construción do primeiro deles.

Méndez Romeu presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para que a Xunta dea conta no Parlamento da construción do dique flotante para Ferrol, que foi desmentida pola Sepi e Navantia malia o compromiso firme de Feijóo. Sinala que a Sepi descartou a obra porque “non acadaron forma algunha de atopar os 167 millóns de euros que custaría o seu financiamento”.

Neste sentido, os socialistas galegos reclamáronlle á Xunta que propoña, nun prazo de dous meses, un sistema de financiamento dun dique flotante para Navantia “acorde co marco estatal e comunitario de axudas públicas”. Así o sinala unha proposición non de Lei asinada por Méndez Romeu, quen dixo hoxe que “os traballadores do naval non comen dos anuncios de Feijóo”.

O responsable socialista criticou a “falla de rigor” amosada polo presidente da Xunta, que si ben na Memoria dos Orzamentos anuncia unha partida para o dique flotante, na realidade dos gastos “non lle dedican un só euro”. Sinala que “a realidade é que non hai nada mais que o discurso e a retórica do goberno galego”.

Tamén pregunta polos “presuntos contratos con Pemex”, logo de que a Xunta comprometera a súa posta en marcha a finais de 2012, pero “vimos de coñecer que o ministro de Exteriores tivo que ir a México supostamente a desatascar os floteis”.

Méndez Romeu criticou que a actitude do presidente da Xunta está a provocar “frustración e desesperación” nos traballadores dun sector que ven cómo “o naval vai esmorecendo e carece de solución alternativa”. Sinala que a realidade da xestión de Feijóo é que “nunca antes houbo unha situación tal de parálise e falta de traballo”.

Fixo un percorrido polas promesas incumpridas de Feijóo dende a súa chegada ao goberno galego, que en 2009 comprometeu un centro de reparacións navais en Ferrol, que suporía 2.000 empregos, en 2011 prometeu unha solución inminente nos terreos da antiga Imenosa e comprometeu o financiamento do dique flotante. En 2012 anunciou 12 barcos, 2 quimiqueiros e 2 floteis, e en 2013 sumou 25 novos buques, sumando xa 43.

Traballadores incómodos

O responsable socialista sinalou que as visitas dos traballadores do sector ao Parlamento, para transmitir a súa situación desesperada, “incomodan e molestan” ao Grupo do PP e á presidenta da Cámara, e por iso “consideran que é mellor non deixalos entrar”. Lamentou que “mesmo molesta que a oposición proteste contra a represión e o cercenamento dos dereitos cidadáns”.

Advertiu que “non ocorría así cando era o PP quen alentaba protesta de alcaldes, daba plantón ao Parlamento ou declaraba que o pasan moi ben nas barricadas”, e amosou as imaxes do “pancarteiro Feijóo” sostendo o cartel dos alcaldes que protestaron dentro do Parlamento en novembro de 2005.

Méndez Romeu acusou á presidenta do Parlamento de “alterar unilateralmente o funcionamento consuetudinario do Parlamento” ao “criminalizar e vetar o acceso lexítimo dos cidadáns ás sesións plenarias”. Explicou que a protesta do Grupo Socialista de onte constitúe unha “chamada de atención” para que “non conculquen a democracia no sancta sanctórum da democracia galega”.

Chamou a que “recapacite e ofreza unha solución de acordo co diálogo” que debe presidir a institución, que sexa respectuosa coas normas e o funcionamento da Cámara. Sinalou que o Grupo Socialista “é un Grupo serio, que exerce con seriedade o seu papel no goberno e na oposición”, e tildou de “inadmisible cambiar o funcionamento democrático” do Parlamento de xeito unilateral por parte da Presidencia e o Grupo do PP.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar