Acusa a Feijóo e Farjas de falsear a realidade das listas de espera

Acusa a Feijóo e Farjas de falsear a realidade das listas de espera

Acusa a Feijóo e Farjas de falsear a realidade das listas de espera

O secretario de Sanidade do PSdeG, Miguel Ángel Fernández, acusou ao Goberno galego de mentir e de falsear a realidade das listas de espera sanitarias, e afirmou que os últimos datos confirman “que cada día son máis os cidadáns que teñen que esperar por unha intervención cirúrxica e tamén son máis os días que esperan”.

Así, lembrou que cando Feijóo chegou ao Goberno da Xunta “eran 34.400 pacientes que agardaban na lista de espera estrutural para ser operados, mentres que, dous anos despois, son 38.900; é dicir, 4.500 pacientes máis”. Apuntou que ademais hai un incremento no tempo de espera, xa que “hoxe os galegos e galegas agardan catro días máis por unha operación que hai dous anos”.

“Isto sen contar os mais de 18.000 pacientes que están na lista de espera non estrutural e que segundo os datos do programa interno do Sergas, teñen unha espera media superior aos 100 días”, apuntou o responsable socialista.

Fernández salientou os casos do hospital da Costa de Lugo, no que a espera da lista non estrutural supera os 160 días; o CHUAC, con máis de 140; o Lucus Augusti, con máis de 130 días; ou CHUVI, con máis de 120. Engadiu que ademais o resto dos hospitais se sitúan por enriba dos 60 días de media de espera.

“Isto demostra que a pesar da labor de maquillaxe da conselleira de Sanidade, pasando pacientes da lista estrutural á non estrutural; hoxe os resultados evidencian que os galegos e galegas teñen que esperar mais que hai dous anos para ser operados e que hai 4.500 pacientes máis que hai dous anos agardando por unha intervención”, sinalou.

O responsable de Sanidade do PSdeG demandou a Farjas que faga públicas as listas de espera non estruturais e preguntouse “por que tanto interese en ocultar estes datos”. Criticou ademais a “ineficacia e incapacidade de xestión da conselleira” e esixiu a súa dimisión.

“A ineficacia da conselleira é aínda máis evidente se a comparamos con anterior Goberno socialista, do que tanto lle gusta falar”, sinalou. Así, lembrou que cando os socialistas chegaron á Xunta en 2005, as media de espera para unha intervención cirúrxica era de 113 días e 39.000 pacientes agardaban por unha operación.

“En catro anos, logramos diminuír o tempo de espera en 15 días por ano, de xeito que os cidadáns pasaron de esperar 113 días a esperar 71 días e os pacientes en lista de espera se reduciron ata os 34.400” , subliñou.

Por elo criticou que o Goberno de Feijóo “cada ano que pasa empeora as listas de espera, entre outras cousas porque a porcentaxe de utilización dos quirófanos é, na maioría dos centros, inferior ao 50 por cento, cunha clara diminución de intervencións cirúrxicas anuais”.

“Co rendimento cirúrxico e actividade do anterior goberno, cada ano diminuía a lista de espera en mais de quince días, mentres que co Goberno de Feijóo só se diminuíu en 1,7 días de media”, afirmou o socialista. Na mesma liña, apuntou que “hoxe esperan por unha intervención cirúrxica 2.200 pacientes máis que hai un ano”.

Por elo, Fernández acusou a Feijóo e Farjas de “mentir descaradamente” e de falsear os datos para ocultar que a súa xestión está a incrementar as listas de espera sanitarias, polo que esixiu a súa dimisión.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar