Acuña reclama á Xunta que realice xestións para manter a liña de autobús entre Viana e Ourense

Acuña reclama á Xunta que realice xestións para manter a liña de autobús entre Viana e Ourense

Acuña reclama á Xunta que realice xestións para manter a liña de autobús entre Viana e Ourense

A deputada socialista Carmen Acuña, criticou a falla de actuacións do Goberno de Feijóo para conseguir que se manteña a liña de autobús entre Viana e Ourense. Acuña denunciou que a Xunta non está a tomar medidas para evitar a desaparición deste servizo de transporte, “deixando así tirados a centos de veciños e veciñas desta zona, usuarios desta liña de comunicación”.

Acuña enmarcou esta falla de xestión da Xunta no “escaso interese do Goberno de Feijóo por todo o relacionado co rural” e denunciou “os veciños e veciñas das aldeas do rural ven cada vez mais reducidas as súas prestacións e servizos, o que lles leva a unha maior incomunicación e aillamento, cando debería procurarse todo o contrario”.

A deputada lembra que en 2008, no momento en que se produciu unha situación similar cando Monbus decidiu suprimir esta liña de comunicación, o Goberno socialista abriu un expediente sancionador á empresa concesionaria do servizo de autobús por non cumprir coa concesión, e conseguiu restablecer o servizo.

“Ante unha situación similar que se está a producir agora, o Goberno de Feijóo non se da por enterado e afirma que descoñece o cambio da liña de bus”, denuncia Acuña.

A responsable socialista critica non só a falla de interese amosado pola Xunta e a súa inacción ante esta situación, senón tamén ao propio alcalde do Concello de Viana “que se dobrega ante os intereses do seu partido, en lugar de defender aos seus veciños”.

Por todo elo, Acuña anunciou que os socialistas galegos pedirán explicacións tanto no Concello como no Parlamento de Galicia, e esixirán ao Goberno galego que obrigue á concesionaria a manter o servizo de viaxeiros entre Viana-Vilariño de Conso-Manzaneda-Ourense nas condicións que recolle a concesión da devandita ruta á empresa Monbus.

Na mesma liña, a deputada socialista avanzou que requerirá á Xunta que abra un expediente sancionador á empresa por incumprimento do contrato concesional, tendo en conta ademais que é a segunda vez que sucede en tres anos nesta ruta.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar