Acordo parlamentario para erradicar a "herba da Pampa"

Acordo parlamentario para erradicar a "herba da Pampa"

Acordo parlamentario para erradicar a “herba da Pampa”

A Comisión de Medio Ambiente do Parlamento aprobou hoxe unha proposta socialista para reclamarlle ao goberno galego medidas efectivas para erradicar a herba da Pampa. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, alertou da urxencia de loitar contra esta especie invasiva que “canto máis tardemos en erradicala máis difícil e custosa será a súa eliminación”.

A responsable socialista lamenta que o único que teña feito o Goberno sexa “sacar un folleto con recomendacións prácticas para a prevención, control e eliminación dos plumachos”, como tamén se coñece a esta especie importada de Arxentina nos anos 80 e que está a ameazar á nosa biodiversidade.

En 2017, dixo, “media Galicia anda en guerra coa cortaderia selloana, de Vilazgarcía a Folgoso do Courel, en lugares urbanos, beiras das estradas, desmontes, cultivos abandonados, terreos removidos, espazos forestais periurbanos, zonas de bosques ou plantacións abertas”. Malia os esforzos de concellos e particulares, estes son infrutuosos e supoñen tan só parches, como cortas os plumeiros ou facer queimas –unha medida por outra banda desaconsellada-.

A Comisión acordou hoxe pedirlle ao goberno galego que continúe coas medidas iniciadas fronte a esta plaga e que desenvolva un Plan de Erradicación e Control da planta ao longo deste ano 2017. Ademais, solicita que se dirixan ao Ministerio de Fomento para deseñar un plan de eliminación da cortadera das autoestradas de Galicia.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

1 Continuar coas medidas iniciadas para o control e erradicación da cortaderia selloana na Comunidade Autónoma, incluíndo un Plan de Erradicación e Control da planta en Galicia ao longo deste ano 2017.

2 Dirixirse ao Ministerio de Fomento do Goberno do Estado a deseñar un plan de eliminación da cortaderia das autoestradas de Galicia”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar