Acordo parlamentario para defender as centrais hidroeléctricas de Ferroatlántica en Cee

Acordo parlamentario para defender as centrais hidroeléctricas de Ferroatlántica en Cee

Acordo parlamentario para defender as centrais hidroeléctricas de Ferroatlántica en Cee

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposta socialista para reclamarlle ao goberno galego que evite a segregación das actividades de produción de enerxía e ferraleacións de Ferroatlántica e a venda das centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande. O Pleno reeditou hoxe o acordo acadado na Comisión de Industria da pasada semana en base a unha iniciativa da deputada socialista Loli Toja.

A deputada socialista dixo que as centrais son “o seguro de vida da comarca, se mire como se mire”, con 400 postos de traballo directos, explotan os recursos naturais, utilizan un terreo e uns recursos declarados de utilidade pública e dispoñen dun Porto –o de Brens- practicamente específico.

Criticou a “falla de transparencia” do goberno galego e lamentou que continúen negando unha operación de venda das centrais que de acordo cos medios especializados xa ten prezo, está cifrada en 255 millóns de euros que a empresa quere utilizar para sanear as súas contas.

Criticou que “en base ao que consideran rumores solicitaron informes técnicos e xurídicos e anunciaron un investimento en Sabón para o cal é preciso vender as centrais”. Acusounos de “tratar aos traballadores con desprezo” ao vender un ben público para defender a conta de resultados da empresa “amiga”, e dixo que “está en xogo moito máis que o emprego, trátase dun modelo de goberno que confunde o público e o privado”.

Selfies e popularidade

A responsable socialista replicoulle hoxe ao PP, que cualificou de “postureo” a decisión dos socialistas de levar ao Parlamento unha iniciativa que xa foi debatida en Comisión. Toja dixo que “non nos aburre, e aos traballadores tampouco, unha iniciativa que vai vir aquí tantas veces como sexa necesario”.

Engadiu que “postureo é medir a popularidade dunha persoa en base aos selfies”, lembrando as declaracións do secretario xeral do PP a un medio de comunicación nas que sinalaba que “el peso del presidente –Feijóo- en la política nacional se nota por la cantidad de selfies que se hace con todo el mundo”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

1. Esixir a empresa Ferroatlántica o mantemento da actividade productiva e dos postos de traballo na factoría de Cee-Dumbría a través das inversións necesarias para este fin. Traballar con Ferroglobe para conseguir o desenvolvemento dun Plan de modernización das súas fábricas en Galicia que conte co máximo respaldo social e sindical.
2. Velar polo mantemento das condicións establecidas nos documentos concesionarios vixentes das centrais hidroeléctricas con aproveitamento nos ríos Xallas e Grande, e moi especialmente as seguintes:
a) Non poderán segregarse de Ferroatlántica SA as actividades de ferroaliaxe e de producción de enerxía eléctrica polas centrais.
b) A perda por parte de Ferroatlántica SA da súa condición de titular dos aproveitamentos sinalados ante calquera acredor, memos pignoraticio, será causa de extinción destes nos termos establecidos nos documentos concesionarios.
3. Solicitar que os postos de traballo que se derivan da xestión, administración, contabilidade e explotación da división de enerxía, recaian no centro de traballo de Cee-Dumbría-Centrales Hidroeléctricas, como así foi desde sempre, na historia de Carburos Metálicos.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar