Acordo parlamentario sobre financiamento autonómico

Acordo parlamentario sobre financiamento autonómico

Acordo parlamentario sobre financiamento autonómico

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista na que lle pide á Xunta que afronte a reforma do modelo de financiamento demandándolle ao Goberno que achegue os recursos adicionais demandados no informe da Comisión de Expertos. A dita Comisión apuntou un mínimo de 16.000 millóns para restablecer o peso do gasto social nas comunidades autónomas.

A proposta aprobada hoxe inclúe a esixencia ao goberno galego de que garanta que Galicia “non perde recursos en termos absolutos” no novo modelo, garantindo a suficiencia dinámica e reforzando o principio de solidariedade interterritorial. Ademais, establece a actualización dos criterios para calcular as necesidades e custe dos servizos, dividíndoos nos bloques de sanidade, educación, política social e servizos.

Esta proposta foi transaccionada cunha emenda do PP, que rexeitou pedir que Galicia poida obter parte dos recursos adicionais introducidos no sistema “de xeito que poida manter o seu peso relativo en termos de financiamento por habitante axustado”. Tampouco quixeron incluír a recuperación dos recurso do modelo ao remate do primeiro período quinquenal para acadar a media do gasto dos países da UE en sanidade, educación e política social.

Si que acordaron pedirlle ao Estado que evite toda discriminación entre as comunidades autónomas pola aplicación dos mecanismos extraordinarios de financiamento, como son o FLA e o Fondo de Facilidade Financeira. Tamén reclaman a aplicación efectiva do principio de solidariedade na aplicación do concerto económico por parte do País Vasco e Navarra.

O responsable socialista criticou o desleixo do goberno galego e do Executivo central á hora de afrontar este debate, e lembrou que “quen goberna é Rajoy, polo que a responsabilidade política debe corresponderlle a el”. Sinalou que “en Galicia algúns temos que tomar a iniciativa fronte ás dificultades demostradas polo goberno”, para obrigar a un acordo interno que outras autonomías, como o caso de Andalucía, xa acadaron.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-O Parlamento de Galicia demanda á Xunta de Galicia que na reforma do modelo de financiamento autonómico defenda que:

1. Para contribuír a reducir os desequilibrios verticais agravados nos últimos anos, o Goberno de España achegue ao novo modelo de financiamento autonómico os recursos adicionais demandados no Informe da Comisión de Expertos.

2. O modelo garanta que Galicia non perde recursos en termos absolutos no seu primeiro ano de vixencia, nin nos seguintes exercicios.

3. O modelo garanta a suficiencia dinámica, polo que o índice de evolución a aplicar aos distintos compoñentes do sistema terá como referencia a evolución dos ingresos tributarios totais, tendo en conta a evolución do PIB nominal.

4. O novo modelo reforce o principio de solidariedade interterritorial mediante a aplicación da nivelación total, en termos de habitantes axustados (necesidades de gasto e custe dos servizos correspondentes ao conxunto das competencias descentralizadas).

5. A efectos do cálculo de necesidades e custe dos servizos deberían establecerse catro bloques (sanidade, educación, política social e resto de servizos).

a) A ponderación de cada un dos bloques debe reflectir a situación real do gasto das CC.AA., con actualizacións periódicas.
b) Para o bloque de sanidade debe recolleres a poboación protexida polo sistema, incluíndo a toda a poboación e ponderándoa por tramos de idade, sendo necesario crear novos tramos por riba dos 65 anos. Incluíndo a dispersión como un elemento relevante do custe.
c) Para o bloque de política social compre antes de nada reestablecer os compromisos de financiamento previstos na LAPAD, revertendo a suspensión da aplicación do nivel acordado de protección, e polo tanto o financiamento dos convenios entre a AXE e as CC.AA. Para a distribución entre CC.AA. compre ter en conta a distribución da poboación en tramos de idade por riba dos 65 anos, a probabilidade de experimentar algún tipo de dependencia e a dispersión.
d) Para a educación debe terse en conta: o censo de poboación en idade escolar para a educación obrigatoria, para a educación non obrigatoria o número de prazas financiadas con fondos públicos; así como os efectos da dispersión.

6. Redefinir a recadación normativa con criterios homoxéneos.

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que:

7. Evite toda discriminación entre comunidades autónomas pola aplicación dos mecanismos extraordinarios de financiamento, o que inclúe que

- Garanta que o subsidio extraordinario por medio de tipos de xuros inferiores aos de mercado que perciben as comunidades autónomas a través dos mecanismos de financiamento por medio dos que a facenda central lles presta liquidez sexa tido en conta, mentres dure, para evitar discriminacións entre comunidades.
- Garanta que unha eventual reestruturación da débeda sexa efectuada en condicións que eviten favorecer a algunha comunidade, e singularmente a aquelas comunidades que incumpriron de xeito máis habitual os criterios de déficit ou acumularon un maior volume de débeda.
- Garanta que este mecanismo posibilite o retorno ao mercado de débeda das CC.AA.

8. Desenvolva as actuacións precisas para facer efectivas as entregas a conta indicadas na comunicación do mes de xullo de 2017 por parte do Ministerio (e tidas en conta nos orzamentos da Xunta de Galicia de 2018).

9. Reforce a efectividade plena do principio de lealdade constitucional para recuperar as mermas de recursos do sistema de financiamento.

10. Garanta a aplicación efectiva do principio de solidariedade, previsto constitucionalmente, por parte da Comunidade Autónoma do País Vasco, recollido na Lei 12/2002 do Concerto Económico (artigo 2) e da Comunidade Autónoma de Navarra, recollido na Lei Orgánica 13/1982, de reintegración e amelloramento do seu réxime foral (artigo 1).

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar