Absoluto abandono e desinterese na política de vivenda da Xunta

Absoluto abandono e desinterese na política de vivenda da Xunta

Absoluto abandono e desinterese na política de vivenda da Xunta

vivendaXosé Sánchez Bugallo alerta dun drástico recorte orzamentario mentres o goberno deixa as partidas sen executar.

Denuncia que a Xunta agocha o convenio asinado co ministerio de Fomento para políticas de vivenda, que os socialistas reclamarán no Congreso e Senado.

O portavoz de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, advertiu do “absoluto abandono e desinterese” amosado pola Xunta na política de Vivenda. O responsable socialista alertou que estas políticas “non fracasan porque sinxelamente non existen”.

Explicou que o Goberno galego fai que, ademais da caída drástica do orzamento nos programas de vivenda, a execución orzamentaria é mínima, deixando sen investir as partidas previstas. Criticou que mentres as partidas destinadas a persoal e gastos de funcionamento son executadas preto do 100 por 100, os investimentos que reverten na cidadanía son “inexistentes”.

Así, sinalou que o programa de vivenda da Consellería de Territorio pasou de 211 millóns de euros en 2009 a tan só 32 en 2014, mentres a execución redúcese á mínima expresión. De acordo cos datos de liquidación da Consellería de Facenda, dixo, o programa de fomento da rehabilitación e calidade da vivenda pasou dunha execución do 82,53 por cento en 2009 ao “récord mundial” dun 1,31 por cento en 2013 e do 7,18 por cento no que vai de 2014.

O responsable socialista cualificou ademais de “tomadura de pelo” ao Parlamento que o goberno galego teña agochado a día de hoxe o suposto convenio asinado co Ministerio de Fomento o pasado 5 de setembro para investir 128 millóns de euros en política de vivenda que beneficiaría a 20.000 familias.

Lamentou que o goberno galego cambiara a información oficial por “un documento de 20 páxinas de publicidade” e preguntou “por qué é segredo e qué se nos intenta agochar”. Anunciou que logo de non acadar resposta da Xunta ás peticións de documentación, os socialistas galegos elevarán as peticións ao Ministerio dende o Congreso e o Senado.

Plan de Vivenda

O deputado socialista criticou que o dito Plan de Vivenda 2013-2016 teña sido presentado no pasado mes de setembro “de 2014, cando vai aló a metade do Plan e aínda non se fixo nada, constatando a ausencia de investimentos ou actuacións do goberno. Ademais, advertiu que o goberno galego reduce as aportacións económicas ás rehabilitacións de vivenda dun máximo do 60 ata tan só o 35 por cento.

Sánchez Bugallo lembrou que a maioría das familias que precisan destas axudas de rehabilitación “viven dunha pensión que rolda os 400 euros, polo que resulta difícil pedirlles que financien o 65 por cento do custe total da rehabilitación dun edificio no que teñen que asumir por exemplo a instalación de ascensores”.

Finalmente, acusou ao goberno galego de “agochar a perversión” das axudas “utilizando a palabra liberdade”. Aludiu así á desaparición da bolsa de aluguer de vivenda para cambiala por cheques aos inquilinos coa condición de que a vivenda custe menos de 600 euros e a axuda non supere os 200 euros mensuais, renunciando a calquera tipo de control do goberno.

Os socialistas galegos presentaron unha proposición non de Lei para que a Xunta manteña o Programa Aluga e reclamarlle que manteña a xestión da bolsa de vivendas en réxime de aluguer, “verificando que cumpren todos os requisitos e evitando que a subvención que se lle outorga ás familias carentes de recursos en realidade se converta nunha subvención aos propietarios”.

Desafiuzamento

O portavoz socialista si que falou de fracaso das políticas contra os desafiuzamentos po parte dos gobernos central e autonómico, xa que, advertiu, os datos revelan que o número de familias desafiuzadas será moi semellante ao do ano pasado. Ao igual que en 2013, o primeiro semestre de 2014 apunta que en toda España o ano pechará de novo con en torno a 36.000 familias desafiuzadas, o 5 por cento delas –mais de 2.000- en Galicia.

Sánchez Bugallo sinalou que as medidas adoptadas “sempre serán insuficientes” mentres se baseen nun Código de Boas Prácticas que cualificou de “ridiculez si a súa aplicación é voluntaria”.

Lei Solo

O deputado socialista asegurou sentir “vergoña allea” logo do anuncio de Feijóo dunha nova Lei do Solo para sancionar ás edificacións sen rematar, xa que a medida “xa está contemplada na lexislación vixente” e preguntou “qué garantía pretende ofrecer logo de ter unha Lei sen aplicar”.

Explicou que “o único que fai falla é actualizar as contías das sancións” pero, dixo, a posibilidade de expropiación, derrubamento ou multa “xa están contemplados na lexislación vixente”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar