Abel Losada critica que a resposta do presidente da Xunta aos principais problemas de Galicia é “non comparecer e viaxar á Arxentina”

Abel Losada critica que a resposta do presidente da Xunta aos principais problemas de Galicia é “non comparecer e viaxar á Arxentina”

Abel Losada critica que a resposta do presidente da Xunta aos principais problemas de Galicia é “non comparecer e viaxar á Arxentina”

O líder dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, preguntará a Feijóo na próxima sesión do Pleno do Parlamento polo seu “escapismo” diante da implicación da Xunta na “Operación Campeón”, a situación de NCG e a vaga de lumes de outubro. A sesión de control ao goberno galego estará dirixida así á transparencia na información transmitida polo goberno galego sobre a súa xestión.

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, explicou logo da Xunta de Portavoces, que os socialista pedirán contas ao presidente da Xunta pola estratexia de “obscuridade, escapismo e botar balóns fora” diante dos principais problemas de Galicia. Lamentou que esa sexa a súa resposta cando Galicia multiplicou a desaparición de empresas, lidera a caída da economía e foi a segunda autonomía con mais afectados por ERE.

Losada sinalou así que a negativa de Feijóo a comparecer para dar conta da implicación da Xunta na Operación Campión é “a perfecta metáfora dun goberno incompetente, desconectado da realidade e unicamente preocupado por manterse no poder”. Dixo que “xa é o momento de que compareza e dea explicacións pola implicación do goberno” neste caso.

O responsable socialista dixo que Feijóo “ou ten algo que agochar ou a calidade democrática deste goberno é canto menos discutible”. Explicou que a secuencia de actos revela que houbo “unha reunión cun empresario” por mediación dun deputado do PP que dimitiu e admitiu ter recibido fondos, dúas axudas da Xunta de 4 millóns de euros e unha operación xudicial que comeza en maio con 6 altos cargos imputados.

Ademais, engadiu, a implicación do presidente da Xunta “só foi coñecida cando a denuncia no Parlamento do líder do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, obrigouno a admitilo”.

No próximo Pleno do Parlamento tamén será debatida a proposta de creación dunha Comisión de Investigación sobre a responsabilidade da Xunta no proceso de fusión de NCG. Os socialistas galegos queren coñecer a responsabilidade e obrigas da administración autonómica e do seu representante na Comisión de Control do ente sobre “o coñecemento dunhas indemnizacións intolerables e indefendibles”.

Losada dixo que “o Parlamento é o lugar axeitado para analizar o papel da administración autonómica neste proceso” e engadiu que “aínda estamos esperando que amosen a auditoría de KPMG avalando a fusión”. Polo momento, advertiu, “só tivemos intervencións da conselleira de Facenda botando balóns fóra acusando ao goberno central ou ao Banco de España, pero nunca asumindo a súa responsabilidade”.

Vaga de lumes

Tamén criticou a negativa da Xunta a comparecer pola “literal desaparición e a falla de medios” diante da vaga de lumes que calcinou 10.000 hectáreas en outubro, mentres tramitan a comparecencia do conselleiro de Cultura “para dar conta da Fase 0 do Monte Gaiás”. Lamentou a falla de interese da Xunta logo de ter “o peor escenario posible” en materia de lume.

Losada sinalou que os socialistas levarán unha interpelación para que o goberno galego teña que explicar os recortes de Feijóo en materia de prevención e a falla de política de loita contra o lume que teñen situado a Ourense en “situación obxectiva de emerxencia”.

Os socialistas galegos presentarán tamén unha serie de iniciativas sobre o recorte sistemático dos servizos públicos por parte do goberno galego. Neste sentido, incluirán unha proposición non de Lei sobre os recortes da Xunta en materia de transporte sanitario, así como unha interpelación pola falla de unidade de hemodinámica no Hospital Lucus Augusti.

En materia de dinamización económica, incluirán unha Proposición non de Lei sobre o proceso de fusión de NCG e as medidas para garantir a continuidade da obra social e para evitar a exclusión financeira dos galegos, especialmente no medio rural.

Finalmente, presentarán dúas mocións sobre o investimento en I+D+i e a paralización do Plan Galego de Acuicultura, así como dúas preguntas sobre a instalación do dique de reparación de Navantia e a empresa Mobles Hermida de Lourizán.

Orzamentos

Losada dixo hoxe que os orzamentos anunciados onte pola consellería de Facenda anticipan que “haberá mais recortes en servizos públicos esenciais” co que “o único sector con expectativa de negocio corresponde á sanidade e o ensino privados”. Dixo que a Xunta ven de evidenciar a súa “rendición diante da crise” ao prever un crecemento de entre o 1,1 e o 1,3 por cento do PIB, o que supón “non creación de emprego”.

O portavoz socialista sinala que esta é a consecuencia da política de parálise económica e renuncia ao incremento de ingresos fiscais que afectan ás rendas altas. Dixo que así o anticipou o teito de gasto aprobado polo PP que “en realidade supón un teito de ingresos, xa que renunciando a aumentar os ingresos tamén teñen que renunciar a incrementar os gastos”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar