O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o “abandono” por parte do Sergas tanto ás afectadas por problemas co anticonceptivo Essure, como aos médicos que teñen que afrontar estes casos sen un protocolo de actuación. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista reclamaba hoxe un protocolo de actuación diante dos casos de usuarias deste sistema anticonceptivo que estivo no mercado dende 2003 ata a súa retirada pola Axencia Española do Medicamento, en 2017, polos problemas de saúde provocados en algunhas usuarias e as dúbidas sobre a súa eficacia.
Lembra que os colectivos de mulleres afectadas en Galicia veñen demandando unha mellor atención por parte do sistema, apuntando á necesidade de dotar de maiores medios para mellorar a capacidade asistencial e de tratamento, así como o acceso ao historial clínico, que dificulta afrontar estes casos.
Os socialistas reclamáranlle hoxe á Xunta que realice un informe sobre a estimación de casos afectados pola utilización do sistema en Galicia, e a recompilación de información sobre os xa coñecidos a través do Sergas, así como un protocolo de actuación para os profesionais que se enfronten a este tipo de casos.
Ademais, Torrado apunta á necesidade de establecer unha unidade de atención específica para o tratamento das mulleres afectadas na rede hospitalaria do Sergas. Tamén solicita dotar dos medios humanos e materiais necesarios nos distintos centros sanitarios de Galicia para garantir a maior calidade e seguridade para as mulleres no protocolo de retirada do mecanismo, facilitando tamén o acceso ao historial clínico das afectadas.