A Xunta utiliza a Lei de Acompañamento como "desguace" dos Orzamentos

A Xunta utiliza a Lei de Acompañamento como "desguace" dos Orzamentos

A Xunta utiliza a Lei de Acompañamento como "desguace" dos Orzamentos

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, presentou hoxe a emenda de devolución á Lei de Acompañamento dos Orzamentos da Xunta, utilizada como “desguace” para eludir o debate e os controis das reformas lexislativas do goberno. Acusou ao goberno de utilizar este mecanismo de novo para eludir os controis lexislativos e o debate parlamentario.

O responsable socialista presentou as emendas ao articulado das leis de Acompañamento e de Orzamentos, entre as que reclama aumentar a progresividade fiscal nas rendas mais altas, recuperar as condicións dos empregados públicos e aumentar o control do diñeiro público xestionado polo goberno galego.

En primeiro lugar, González Santín sinalou que a manida reforma fiscal presentada por Feijóo para aumentar a progresividade “só chega ás rendas medias e baixas”, xa que a partir dos 60.000 euros de declaración impoñen un tipo único de 22,5 por cento. Os socialistas propoñen incluír dous novos tramos nos 90.000 e 120.000 euros de ingresos para aumentar a contribución das rendas máis altas.

Os socialistas galegos propoñen a recuperación das condicións dos empregados públicos e establecer unha taxa de reposición do cen por cen e, nos servizos públicos esenciais, nomeadamente sanidade, educación e servizos sociais, que non se aplique a dita taxa e que se poida contratar ao persoal necesario para recuperar as prazas destruídas dende a chegada de Feijóo ao goberno galego.

González Santín reclamou a derrogación da Lei de 2012 que impuxo os recortes na función pública, así como a supresión da disposición adicional que deixa en suspenso o artigo 19 do convenio colectivo xeral no tocante aos descansos e paradas de traballo. Esixiu a reactivación dos concursos de traslados, conxelados “inexplicablemente” dende o ano 2011 e que non supoñen custe económico algún para a administración autonómica.

Os socialistas galegos inclúen tamén emendas á Lei de Orzamentos para aumentar as pensións non contributivas ou destinar 3 millóns de euros adicionais para permitir que o Consello de Contas poida loitar contra a corrupción. Neste mesmo sentido, reclamou impedir que os altos cargos do goberno galego sexan retribuídos pola súa presenza en consellos de administración das distintas entidades públicas.

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista explicou as medidas propostas para aumentar o control do diñeiro público, como é garantir que as obras realizadas con cargo ás subvencións da UE “se fagan realmente”, con xustificación documental e comprobación material da súa realización.

Tamén propón autorizar á Xunta a pedir datos á Seguridade Social, e reclamou o aumento do control dos gastos de publicidade e propaganda da Xunta, que se atopan disfrazados nas partidas orzamentarias, co que o seu seguimento resulta “imposible”.

Novo Orzamento

González Santín chamou a realizar un “novo orzamento” en base ás emendas ao Estado de Gastos coas que os socialistas galegos propoñen incrementar os ingresos en 302 millóns de euros cunha maior progresividade fiscal,e novas figuras impositivas para a banca ou as superficies comerciais e unha loita contra a fraude máis eficaz, a redución de gastos improdutivos e un maior gasto social.

Explicou que con 302 millóns de euros máis de recadación e unha redución de 356 millóns de euros é posible mobilizar 658 millóns para a posta en marcha dun Plan de Emprego dirixido a 40.000 persoas procedentes de colectivos sensibles e un maior orzamento para a sanidade, a educación e as políticas sociais.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar